A asemblea local do BNG escolleu onte por aclamación a Miguel Anxo Fernández Lores, actual alcalde de Pontevedra, como candidato á Alcaldía da cidade do Lérez. O candidato dixo sentirse “ilusionado” logo de que o responsable local do BNG, Demetrio Gómez, dera conta do resultado da asemblea.
Demetrio Gómez indicou que a de Lores “foi a única candidatura que se presentou”. “Atopamos ao Miguel que todos coñecemos: afábel, próximo, cunha palabra amábel para cada un de nós, que coñece cada rúa, cada parroquia, e cada unha das máis de 450 aldeas do concello”, indicou Demetrio Gómez.
“O que nunca deixa de abraiarme é a forza do amor que sente por Pontevedra que conseguiu que hoxe se miren nela grandes urbes como París ou Nova York; pero tamén é ese alcalde que se preocupa dos problemas cotiáns, que na cidade estea todo en orde; nótase que pasou de ser un doutor de persoas a ser un doutor que se preocupa da saúde desta cidade. Faino xuntando a confianza en Pontevedra e nas súas capacidades, e en proxectos novos para construír unha cidade mellor” explicou o responsable local do BNG.
O alcalde de Pontevedra e candidato a revalidar á Alcaldía,Miguel Anxo Fernández Lores manifestou que nestes tres meses, dende que anunciou a súa vontade a presentar de novo á Alcaldía nas municipais de 2023, “púxenme a disposición do BNG”
“Estou ilusionado” afirmou “pero non sería ninguén sen o grupo municipal que é un Dream Team, sen a militancia do BNG que traballa para transmitir a nosa mensaxe, sen a cidade da que eu estou namorado, e dos seus veciños que día a día apostan por avanzar e transformar Pontevedra. Sería imposible sen o apoio silencioso que nos acompaña para que Pontevedra sexa cada vez máis referente”.
Lembrou que aínda que se sinte orgulloso de todo o feito até o de agora, “non me presento para facer un proxecto a curto o medio prazo. Presentámonos para unha nova etapa na que creemos que podemos avanzar con novos retos, novos logros, nova ilusión para seguir traballando por esta Pontevedra que é a que todos queremos”.
No ámbito persoal dixo sentirse “ben física, familiar e animicamente. Estou orgulloso da miña familia, das miñas netas que gozan desta cidade. E politicamente nunca me atopei tan ben dende que son alcalde de Pontevedra e quero seguir aportando para que Pontevedra sexa a cidade na que vivir e podan traballar dignamente os nosos fillos e netos”.