O rexedor e candidato nacionalista por Pontevedra estima que preto de 2.000 persoas participarán nesta celebración, estando presentes persoas de todos os sectores do municipio
Lores: «É unha cea na que queremos compartir moitas cousas con moitísima xente, compartir todo o que nos une de cara ao futuro»
O alcalde e candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta mañá que o vindeiro venres, 17 de marzo, a cidade de Pontevedra terá a oportunidade de asistir a unha cea no Recinto Feiral, ás 21.30 horas, co fin de «celebrar Pontevedra», en palabras do mesmo rexedor nacionalista.
«É un acto moi importante para min, unha das citas que máis ilusión me fai nestes intres, pois estarei acompañado dunha parte importantísima da sociedade pontevedresa: xente do rural, dos barrios, xente do centro, traballadores, empresas, autónomos, xente da cultura, xente da sanidade, xente de deporte, xente do ensino, da creatividade, etcétera…», indicou. «Todos estas persoas coas que quero compartir esta cea teñen unas características común, tres de xeito concreto: unha sería o amor por Pontevedra; outra, a confianza no futuro de Pontevedra; e, a terceira, a de ter e compartir proxectos para que Pontevedra empeza. En definitiva, únenos a paixón por Pontevedra».
O alcalde fixo fincapé na súa ilusión polo futuro e subliñou «o bo ambiente que se está a vivir estes días» na preparación desta cea, unha festa na que poderá participar a veciñanza da Boa Vila que así o desexe, poñéndose en contacto co local do BNG en Pontevedra a través dalgunha das vías de contacto dispoñíbeis.
Lores lembrou que esta é unha cea «de reunión, co fin de compartir moitas cousas con moitísima xente». Estímase que preto de 2.000 persoas estarán presentes durante a celebración da mesma, «compartindo unha mesma ilusión por Pontevedra». A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, tamén participará na cita.