XPO logo

Discurso de investidura do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Compañeiras e compañeiros de Corporación, autoridades, representantes sociais, público asistente, funcionarias e funcionarios, familia, amigas e amigos

Bo día a todas e todos!

Bo día Pontevedra!

Como de ben nacidos é ser agradecidos, antes de nada quero dar as gracias aos que fixestes posíbel a miña elección como Alcalde, tanto aos meus compañeiros de organización política, como, e especialmente, aos compañeiros do Grupo Municipal Socialista polo seu apoio á miña candidatura. Grazas de todo corazón e quero que saibades que nunca vou esquecer a vosa xenerosidade e a confianza que depositastes en min. 

Grazas. Mil grazas! ou, en honra de Francesco Tonucci, Grazie mille!

Son consciente que na gobernación dos asuntos públicos, todo apoio é condicional, está supeditado á mellora da acción de goberno. Ademais de agradecelo, tomo este apoio como unha obriga de facelo mellor, como unha asignación de deberes para mellorar as cousas en Pontevedra. Podedes estar seguros de que vou facer todo o humanamente posíbel, e incluso o imposíbel, para non defraudar esta confianza que depositastes en min.

Esta é a décima vez que tomo posesión como concelleiro de Pontevedra. A primeira vez foi alá polo ano 1987. E esta é tamén a sétima vez que tomo posesión como Alcalde de Pontevedra. A primeira vez polo ano 1999. Polo tanto, teño experiencias abondosas e variadas na toma de posesión, tanto como concelleiro como Alcalde.

Estes días estiven evocando as sensacións que vivín en tomas de posesión anteriores e podo afirmar con rotundidade que esta toma de posesión do 17 de xuño de 2023 é a que máis emoción e ilusión me xera. 

Non son moi dado a expresar as miñas emocións en público. Permitídeme que hoxe faga esta excepción porque estou tan emocionado, tan ilusionado como nunca antes, incluso bastante máis que cando foron as primeiras veces.

Estou namorado até as trancas de Pontevedra, son un pontevedrés tan namorado de Pontevedra como o que máis. E neste amor, neste namoramento, síntome correspondido, diría que correspondido en exceso. Pontevedra estame devolvendo moito máis amor do que eu puidera soñar e, por suposto, moitísimo máis do que poida eu merecer. 

Grazas Pontevedra!

Mil grazas Pontevedra!

Non teño maior preocupación nin creo que teñan maior interese os récords. Non teño maior preocupación nin creo que teña maior interese o que se leva feito até agora nos 36 anos que levo na Corporación nin nos 24 anos que levo de alcalde. Enténdaseme ben. Poden ter todo o seu interese do mundo para os anais e para describir a transformación de Pontevedra e a súa historia recente, pero non para gobernación de Pontevedra nos vindeiros anos. 

Porque sei que a política non ten, nin creo que deba ter, memoria. A primeira e fundamental obriga da política e do goberno, consiste en  mirar para o futuro, en ofrecer solucións, en resolver problemas e mellorar a calidade de vida das persoas e nesta tarefa debemos centrar todos os nosos esforzos.

Falemos pois de futuro, do futuro que temos por diante. Levamos anos escoitando que estamos nuns tempos de cambios acelerados. Pois así seguimos e creo que de xeito cada vez máis intenso, pois cada vez son máis acelerados os cambios. E neste mandato que hoxe arrinca, os cambios van ser dunha intensidade e profundidade descoñecida ate o de agora.

Tendencias que ían evolucionando a un ritmo xa bastante elevado, coa COVID e coa guerra de Ucraína aceleráronse de xeito moi intenso nos últimos anos, nos últimos meses, nas últimas semanas.

Sexa o avance da intelixencia artificial. A inflación galopante dos últimos meses. A reconversión da globalización e a volta á formación de bloques económicos. Os cambios drásticos na demografía mundial, especialmente na galega, con caídas da natalidade descoñecidas na historia. O cambio climático e as medidas para revertelo. Os desaxustes no mercado laboral. A competencia cada vez máis acentuada entre cidades e territorios. Sexan outros factores a maiores.

O certo é que van ter unhas consecuencias, xa están tendo unhas consecuencias sobre as persoas, as traballadoras, as empresas e as administracións intensas, moi intensas e, a maiores, nada fáciles de predicir e adiantarse a elas, tensionando á sociedade e ás administracións ate extremos equiparábeis ás situacións de crises.

O que si estou seguro é de que o refrán castelán de “camarón que se duerme se lo lleva la corriente”, xa está tendo e vai ter plena vixencia nestes tempos vindeiros.

Porque as crises, os cambios bruscos nas situacións, son tempos complexos pero tamén unha fonte de oportunidades. Os que saiban aproveitar esas oportunidades que se abren, sairán mellorados e aos que se durman, levaraos á corrente. A miña proposta, a miña aposta para Pontevedra é activarnos e esforzarnos por aproveitar as oportunidades. Sei que será complexo, sei que pasaremos tempos convulsos, pero estou convencido de que o reto vale a pena afrontalo con toda a ilusión e toda a determinación do mundo.

Propoño, pois, abrir unha nova etapa, unha nova fase na construción do futuro de Pontevedra. Mirar cara o futuro con unha mirada limpa, observando ás tendencias que nos poidan conducir a futuro mellor e reconsiderando ás bases sobre as que construír o noso futuro. Os tempos actuais creo que nos esixen actuar deste xeito. 

No devir dunha cidade, dun concello, dunha sociedade non pode existir o “borrón y cuenta nueva”, pero si pode e debe existir o dar un novo impulso e reformular a dirección na que se camiña para adaptarse aos tempos que corren e avanzar na dirección correcta. Esta é a miña proposta.

Coa man tendida, cos brazos abertos, convido á todos os grupos políticos, a todos os axentes sociais, e a toda Pontevedra a que abramos unha nova etapa, a que desde o respecto polas lexítimas diferenzas e discrepancias, traballemos aunando esforzos para avanzar nas direccións correctas, aplicando as mellores solucións que nos permitan avanzar e mellorar a posición de vangarda na calidade vida que hoxe ten Pontevedra.

E estou seguro que coa confluencia de esforzos na consecución dos obxectivos, Pontevedra é quen de superar todos os retos que nos propoñamos colectivamente. Fixémolo no pasado e estou convencido que así o faremos nesta nova etapa que hoxe abrimos.

Adiante Pontevedra!!!

Viva Pontevedra!!!

Compartir: