XPO logo

Eva Vilaverde: «Pontevedra seguirá avanzando da man do feminismo ou non avanzará, o BNG é a garantía deste feito»

O partido nacionalista promoveu este sábado un acto aberto cun faladoiro entre Eva Vilaverde, María Jesús López Escudero, Sabela Bará, Alba Lorenzo e Victoria Canoura

O candidato á alcaldía polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, lembra que ningunha «se os inimigos de feminismo chegan ao poder, volverán a poñer o nome do rei emérito no rueiro e a sacar o nome de Virxinia Pereira»

Baixo o lema ‘Concello feminista. Concello equitativo’ o Bloque Nacionalista Galego ofreceu hoxe un acto aberto desde a glorieta de Compostela a través dunha conversa entre a edil de Protección e Seguridade Cidadá e número dous da candidatura ás eleccións municipais polo BNG, Eva Vilaverde, a profesora xubilada e ex concelleira pontevedresa, María Jesús López Escudero; a vicerresponsábel local do BNG en Pontevedra, Sabela Bará; ex alumna do IES Luís Seoane, activista femnista e avogada, Alba Lorenzo; e profesora da UVigo e integrante da candidatura do BNG por Pontevedra, Victoria Canoura.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores abriu lembrando que hoxe estaría entre o público para «escoitar e aprender» pois «as protagonistas son as mulleres». «Son feminista. Teño claro que son as mulleres as que deben falar alto e claro e os homes acompañas no camiño do feminismo, aprendendo, escoitando e apoiando»

O candidato a alcaldía polo BNG quixo sinalar que ningunha conquista é irreversíbel, poñendo de exemplo o rueiro da cidade, cada vez con máis nomes de mulleres. «Estou convencido de que se os inimigos de feminismo chegan ao poder, volverán a poñer o nome do rei emérito no rueiro e a sacar o nome de Virxinia Pereira».

A moderadora, Sabela Bará, indicou que «non é necesario xustificarse á hora de falar de feminismo. É preciso lembrar que o feminismo debe ser un eixo fundamental de todas as actuacións e decisións políticas que tomemos. Esa presencia do feminismo debe enfocarse dun xeito transversal. O BNG é feminista, hai un compromiso claro con el desde o principio dos tempos. O BNG ten na súa esencia o feminismo».

Pola súa banda, María Jesús López Escudero, sinalou que «nestes momentos estamos na cuarta vaga do feminismo. Pensabamos que o muro do patriarcado estaría derrubado, pero non é así. Nunca durme, o patriarcado adáptase. O sistema tende a mesturarse cos discursos revolucionarios até fagocitalos».

«Pido o voto para o BNG, pois cómpre lembrar que ningunha conquista é irreversíbel. O BNG con Lores tivo e ten o feminismo no centro da súa axenda. A perspectiva de xénero está sempre presente en toda a xestión municipal. O BNG foi e é consciente de que todas as accións de transformación de modelo de cidade debe ter en conta a perspectiva feminista», sinalou López.

Alba Lorenzo explicou que as mulleres «non estamos onde deberíamos estar. Vemos como as mulleres mozas sufrimos violencia. Moitísimas das leis que temos agora foron redactadas hai séculos. Non había mulleres lexisladoras, non había mulleres xuristas. Son produto de séculos de patriarcado impregnado de machismo. Dentro das altas esferas, no eido xurístico por exemplo, as mulleres seguen a ser unha porcentaxe anecdótica, como é o caso do Tribunal Supremo». «Queren vendernos que non hai problema, que non debemos loitar porque non hai loita, pero hai que poñerse as gafas violetas e continuar batallando. É unha conquista de todos e de todas».

Continuando coa conversa, Victoria Canoura, explicou que «os coidados están no centro da vida, desde que nacemos. Unha antropóloga di que a humanidade nace no intre que aparece un fósil onde hai unha fractura nunha perna pero está soldada, é dicir, que alguén coidou deste ser até que estivo recuperado. É algo humanizador».

«Precisamos coidados no noso día a día: comer, un teito… Na maior parte dos casos son as mulleres as que ofrecen eses coidados. O difícil é compatibilizar isto co traballo, co progreso no traballo, coa cotización… Os coidados no ámbito familiar parten moitas veces do amor e o agarimo, mais ao mesmo tempo non debemos esquecer que implicar unha carga mental e un esforzo mental enorme. Temos unha mochila de culpa que sempre levamos a todas partes. Aparece a frustración, cando os coidados son a parte fundamental das nosas vidas».

Para finalizar o primeiro bloque da mesa redonda, a edil Eva Vilaverde, comentou que «a política forma parte da vida cotiá de todas as xentes. Como muller, na política, ocupo un cargo tradicionalmente ocupado por homes. As veces non te miran, non che dirixen a palabra; mesmo cando vas con un compañeiro home preguntan se es a súa parella. Hai centos de detalles que denotan cal é a estrutura social e como inflúe o patriarcado nos ámbitos de responsabilidade. Decotío podes comprobar o importante que é o traballo feminista, un traballo no que levamos séculos. O froito dese traballo é o que nos permite estar hoxe aquí».

Citando e traendo de voltas unhas palabras da concelleira Carme Da Silva, Vilaverde indicou que «eu son cota e estou orgullosa de ser cota. O traballo que fixo o feminismo para que as mulleres poidamos estar nesta posición é para estar orgullosas. Debemos e temos que estar aquí. Alguén dubida que unha muller poida estar menos preparada que un home para exercer un cargo de responsabilidade? Temos capacidade de sobra para aprender e exercer como calquera. A maioría das tituladas universitarias e as mellores notas porcentualmente son mulleres, pero os cargos públicos e privados de alto nivel, esta porcentaxe desaparece. Algo hai detrás de todo isto. Eu tamén son cota e estou orgullosa de selo».

«Din as veces que non somos quen de dar o paso adiante. É certo, moitas veces prefiro estar nun segundo plano, pero non debe ser así. Debemos dar ese paso adiante. Ás nenas debémoslle ensinar, e que repitan mil veces ao longo da súa vida, tres frases: ’Iso xa o dixen eu’, ‘Non me interrompas’ e ‘E non fai falta que mo expliques.

«Militar nunha organización feminista, que ten os seus principios fundacionais o feminismo, na raíz. Máis do 50 por cento da executiva nacional son mulleres, tamén no grupo parlamentar. Coido que non é casualidade. O feminismo impregna ao BNG. Temos eivas, e debemos corrixilas, pero así o facemos, traballando xuntos e xuntas. Avanzamos xuntos para unha sociedade máis equitativa, un Concello máis democrática e unha cidade máis feminista. Non está todo conseguido.

O segundo bloque da conversa xirou ao redor das medidas a tomar desde o Concello e a política municipal a aplicar durante o vindeiro mandato, lembrando Bará que as actuacións contra a violencia machista non dependen só do Concello, pero todas as políticas realizadas deben ter unha visión feminista.

María Jesús López Escudero, sinalou que «sempre houbo mulleres insignes, e deixaron tras de si un luminoso ronsel. O BNG de Pontevedra recolleu o anonimato de moitas mulleres, e o fixo con proxectos tan valiosos como A Memoria das Mulleres. Roteiros, murais, rúas… Devolven as mulleres o protagonismo roubado. Queda moito por facer, e por iso hai que continuar. Que o traballo feito non sexa soterrado. Coñecemento e recoñecemento público, ambos os dous deben ser incorporados á sociedade. O BNG seguirá recuperando o legado de dignidade de todas aquelas que nos consideramos herdeiros e herdeiras».

Na recta final do faladoiro, Vilaverde sinalou a importancia á hora de seguir avanzando como Concello feminista. «Levamos 24 anos traballando nese eido. Desde o BNG o que poñemos enriba da mesa é facelo en tres eidos fundamentais: o acompañamento ás mulleres vítimas da violencia machista, o impulso á economía social, a continuación na promoción do rueiro feminino e a xeración de campañas de divulgación do feminismo».

«Somos un Concello referente por mor das campañas e do traballo feito desde diferentes áreas municipais. Temos que seguir nese camiño, non podemos permitir que se free este avance», indicou. «As mulleres teñen que ser o núcleo fundamental deste traballo, recibir unha atención integral desde o CIM. Debemos promover a sensibilización e a información. Somos a única cidade que ten no seu corpo de Policía Local un grupo en exclusiva para a violencia de xénero, cun despacho no propio CIM, para que as vítimas non se sintan agredidas acudindo á comisaría para denunciar»

«A poboación xeral, ten que entender o que acontece. Temos que traballar man a man para que todos e todas esteamos xuntas neste avance que realiza o Concello de Pontevedra. Pontevedra avanzará da man do feminismo ou non avanzará», finalizou.

Paixón por Pontevedra

Compartir: