XPO logo

Intervención Ana Pontón mitin central

Boas tardes a todos e a todas

Chegamos ao ecuador desta campaña, na que vimos cargadas de ilusión, de forza e moito ánimo, vemos como a corrente de simpatía cara o BNG non deixa de medrar.

Demostramos que temos un modelo municipal de éxito, sinónimo de calidade e de prestixio, que transforma en positivo, que mellora a vida das persoas,  capaz de aportar as solucións máis vangardistas aos retos deste século XXI,  como o da mobilidade, cambio climático  ou a preservación do noso medio ambiente. E este modelo municipal de éxito e o que queremos estender por todo o País o 28M.

Porque precisamos máis BNG nos concellos para lograr que Galiza avance, porque o BNG representa o entusiasmo, a ilusión e o optimismo que os galegos e as galegas necesitan.

E se hai un concello que é paradigma do modelo municipal do BNG, ese é Pontevedra.

Pontevedra é un exemplo de como se pode transformar desde un concello, de como pensando ao grande, pero xestionando ben o grande e o pequeno, se poden conseguir metas case impensábeis e superar barreiras que parecían imposíbeis de superar.

Pontevedra é un exemplo de como un grupo de persoas honradas, humildes e traballadoras, de como un grupo de persoas capaces, man con man e dando o mellor de si mesmas, puxeron en marcha un ilusionante proxecto común.

Pontevedra é un exemplo de como o BNG  é capaz de chegar á xente e sumar ao seu modelo municipal  a cada vez máis amplas capas da sociedade.

Pontevedra é un exemplo de como o BNG é capaz de transformar e facer avanzar un concello, unha cidade, a un ritmo tan rápido e positivo.

Pontevedra á un exemplo de como se pode darlle a volta e transformar e facer avanzar unha institución con tan merecida sona de caciquil como a Deputación de Pontevedra.

Pontevedra é un exemplo de como se poden superar e derrubar os mitos, os malos pensamentos, os lugares comúns que limitaban. De como se pensamos podemos avanzar,  avanzamos.

Aquela Pontevedra clasista é hoxe unha cidade con gran cohesión social e máis que o será no futuro co BNG e con Lores no Goberno de Pontevedra.

Aquela Pontevedra terra de caciques é hoxe un concello equitativo que trata a todas as persoas por igual e máis que o será no futuro co BNG e con Lores no goberno de Pontevedra.

Aquela Pontevedra pesimista é hoxe unha cidade alegre, vitalista e optimista, e máis que o será no futuro con Lores  de Alcalde.

Aquela Pontevedra que miraba con envexa ás demais cidades é hoxe unha cidade con proxecto e modelo propio envexado en medio mundo e máis que o será no futuro con Lores  de Alcalde.

Aquela Pontevedra con merecida sona de conservadora é hoxe un exemplo de progreso, de cidade avanzada que foi quen de elaborar e poñer en práctica solucións altamente innovadoras e máis referente que será no futuro con Lores de Alcalde.

Con Lores, co BNG, Pontevedra ten un camiño ben definido, un rumbo certo e claro. Ese rumbo, ese camiño é avanzar, avanzar, avanzar.

Hai quen opina que levar moito tempo no goberno cansa e desgasta. Iso será certo cando se está no goberno por estar, cando se está para ocupar espazo sen rumbo certo, cando un se dobrega ante as inxustizas dos poderosos.

Pero cando se ten un proxecto, cando se queren cambiar as cousas, cando se sabe a onde se quere ir,  cando non se dobregan ante as inxustizas, veñan da Xunta, do Estado, do IBEX ou do Tribunal Supremo, o tempo de goberno da coñecemento, da experiencia e, sobre todo, da máis ilusión e máis visión de futuro.

Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca.

Díxome Lores que a condición fundamental que puxo para incorporar persoas á candidatura do BNG foi mirarlle aos ollos e verlle a ilusión na ollada, o entusiasmo por traballar por e para Pontevedra.

E polo que eu vexo, acertou de cheo. Vexo en Lores e nas persoas da candidatura unha ilusión, un entusiasmo desbordante. Cada vez que falo con eles énchenme a cabeza de ideas, de proxectos, de actuacións de futuro. Case nunca me falan do pasado, do feito, do conseguido. Sempre me falan do futuro, do que se debería facer. Sempre me falan do porvir, de máis porvir para Pontevedra.

Téñolle preguntado unha e outra vez como son quen de manter ese entusiasmo, esa vitalidade, ese empuxe, esa ilusión fresca e desbordante. E dinme que é polo amor que lle teñen a Galiza e a Pontevedra, porque cren que se pode vivir moito mellor en Pontevedra, que teñen fe na sociedade pontevedresa e que o que hai que facer é avanzar, avanzar e avanzar.

Lores e o seu grupo pensaron e pensan Pontevedra en grande, soñaron con levalo á práctica, e xunto coa sociedade de Pontevedra foron quen de facelo realidade, superando todas as trabas, mitos, miserias, lugares comúns e o raquitismo mental da dereita.

A miña idea é que temos que pensar Galiza en grande porque estou convencida de que temos capacidades para iso. O meu soño é poder facer realidade esa Galiza en grande como se está a facer en Pontevedra.

Todas as persoas que lle queredes a Pontevedra podedes e debedes estar orgullosas do voso concello. Eu estou moi orgullosa de Pontevedra. Pero as persoas que lle queren a Pontevedra deben ser conscientes que o inimigo é poderoso, moi poderoso e vai usar todas as súas mañas, todas as súas artes, as boas e, sobre todo, as malas artes para frear e darlle volta atrás ao impresionante e brillante traballo feito en Pontevedra por Lores e o BNG.

O que pretenden é frear e darlle a volta aos avances de Pontevedra. Cada votante que se quede na casa, cada voto por outras alternativas é un voto polo retroceso de Pontevedra, pola volta atrás, por desfacer os avances de Pontevedra e evitar que siga avanzando.

Nada está gañado, todo está por gañar e temos todas as papeletas para gañar pero hai que traballalo. Non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra, nin un voto se pode perder, hai que traballar e conseguir até o último voto.

Teño a esperanza e o convencemento de que dentro de un pouco tempo máis poidamos estar todas as persoas que lle queremos  a Galiza orgullosas do noso país, pero para iso temos que encher as urnas o día 28 de Maio.

Viva Pontevedra!

Viva Galiza!

Ana Pontón.

Paixón por Pontevedra

Compartir: