XPO logo

Intervención de Ana Pontón na cea do BNG

Boas noites a todos e a todas:

Estou encantada de estar aquí con todas e todos vos porque estas ceas de Pontevedra son únicas, son dos actos que máis me gustan, no que máis desfruto, son para min unha gozada.

Pontevedra é un exemplo de como se pode transformar desde un concello, de como se poden superar barreiras e conseguir metas case impensábeis.

Pontevedra é un exemplo de como un amplo grupo de persoas honradas, humildes, traballadoras, e capaces, moi capaces, traballan cada día, dando o mellor delas mesmas, para impulsar un ilusionante proxecto común que suma a cada vez máis amplas capas da sociedade. Un proxecto común capaz de transformar e facer avanzar ao concello e á cidade, a un ritmo tan rápido e positivo.

Pontevedra é un exemplo de como se poden derrubar os mitos, os lugares comúns que limitaban ás súas potencialidades e as súas posibilidades.

Aquela vella Pontevedra clasista é hoxe unha cidade con grande cohesión social.

Aquela vella Pontevedra terra de caciques é hoxe un concello radicalmente democrático que trata a todas as persoas por igual.

Aquela vella Pontevedra pesimista e denegrida é hoxe unha cidade alegre, vitalista e optimista.

Aquela vella Pontevedra que miraba con envexa ás demais cidades e quería copialas, é hoxe unha cidade con proxecto e modelo propio envexado en medio mundo.

Aquela vella Pontevedra que tiña ben merecida sona de conservadora é hoxe un exemplo de avances e solucións innovadoras.

Dise que levar moito tempo no goberno cansa e desgasta. Iso é certo cando se está no goberno por estar, pero non cando se ten un proxecto, cando se queren cambiar e transformar en positivo, cando se sabe a onde se quere ir.

Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca. Cada vez que falo con eles énchenme a cabeza de ideas, de iniciativas, de actuacións de futuro. Case nunca me falan do pasado, do feito, do conseguido. Sempre me falan do por vir, do futuro, do que se debería facer.

Sempre lles pregunto como son quen de manter ese entusiasmo, esa vitalidade, ese empuxe. E dinme que é polo amor que lle teñen a Galiza e a Pontevedra en particular, porque cren que se pode vivir moito mellor en Pontevedra, que teñen fe na sociedade pontevedresa e que o que hai que facer é avanzar, avanzar e avanzar.

Lores e o seu grupo pensaron e pensan Pontevedra en grande, soñaron con levalo á práctica e xunto coa sociedade de Pontevedra foron quen de estalo facendo realidade, superando todas as trabas, mitos, miserias, lugares comúns, e o ananismo mental da dereita.

A miña idea é que temos que pensar Galiza en grande porque estou convencida de que temos capacidades para iso. O meu soño é poder facer realidade esa Galiza en grande como se está a facer en Pontevedra.

Todas as persoas que lle queredes a Pontevedra podedes e debedes estar orgullosas do voso concello. Eu estou moi orgullosa de Pontevedra.

Teño a esperanza e o convencemento de que, máis cedo que tarde, tamén en Galiza deixaremos atrás o derrotismo e a falta de confianza no País e todas as persoas que levamos a Galiza no corazón estaremos orgullosas do gran País que somos!

Viva Pontevedra! Viva Galiza!

Intervención de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.
Compartir: