XPO logo

Intervención de Eva Vilaverde na presentación do programa de goberno

Moi bo día a todas e todos: 

A política local consiste basicamente en dar solucións concretas e particulares aos múltiples, moi variados e diversos problemas, pero concretos e particulares, que existen nos concellos. No ámbito da política local hai que saber de case todo e ser capaz de levalo á práctica. A política espectáculo, hoxe tan de moda, pode dar o pego na política xeral, pero na política local non valen declaracións bonitas nin promesas irrealizábeis ou inviábeis senón se poden levar a práctica; a realidade do día a día pronto descobre e pon ao aire as limitacións, o descoñecemento e as falsas promesas que se poden facer en campaña electoral. 

Sobre política local todo o mundo, ou cando menos todas as persoas candidatas, creen que sabe ou fan por aparentar que saben. Da a sensación de que política local se toma por parte desas persoas como un arte menor, como algo secundario e de pouca importancia que se pode despachar con catro eslógans e algunha promesa con pouca base e menos fundamento. 

Tanto pola curiosidade que teño pola política local como polas miñas responsabilidades dentro do benegá, teño lido e analizado ducias e centos de programas electorais para as municipais de todas as forzas políticas e podo dicir con fundamento que na realidade hai moi poucas persoas, moi poucos grupos municipais, que dominen a política local, xa non digo en profundidade, senón simplemente que saiban algo de verdade sobre a realidade municipal. Por non falar das Deputacións sobre ás que existe un mar de descoñecemento. 

O concello de Pontevedra ten a inmensa sorte de contar con un amplo grupo de persoas que teñen dúas características moi difíciles de atopar xuntas noutros lugares: están namoradas de Pontevedra e están namoradas da política local, da política municipal. E este namoramento, esta paixón nótanse, vaia se se notan. 

Antes os médicos tiñan o vademecum onde lle aparecían os remedios para cada tipo de problema que tiñan que tratar, e todas as persoas tiñamos a enciclopedia, hoxe temos a wikipedia, para calquera consulta de calquera tipo. Hoxe en política municipal o vademecum, a enciclopedia e a wikipedia son o Grupo Municipal do benegá de Pontevedra. Non hai problema, consulta ou dúbida para a cal non teña unha resposta sólida e fundamentada alguén do Grupo Municipal. Así o saben nos outros concellos e as consultas son continuas, de gobernos e de oposicións de todo signo político. 

Este amplo coñecemento levounos a un dilema para a elaboración do programa. Se quixeramos recoller todo ese caudal de coñecemento sairíanos unha enorme enciclopedia de moi difícil lectura e manexo, aparte da cantidade de tempo que nos levaría. Optamos por realizar unha síntese o máis completa posíbel que é o que hoxe presentamos. 

Este Programa de Goberno, froito da colaboración de moitas persoas, ten varias características que o diferencian de todos os programas que presentan as demais forzas políticas: 

A primeira, este programa é unha base moi sólida para avanzar, fanse propostas de futuro, pero realistas e con coñecemento das posibilidades de levalas a bo fin, de podelas executar, con coñecemento das súas consecuencias. Transformar a realidade, transformar o concello, facer cidade, conséguese con accións concretas, con propostas das que hai bastantes garantías de que se poidan executar, non con ideas xa fracasadas como os buses lanzadeira ou con ocorrencias de imposíbel execución, cando non contraproducentes, como propoñer un novo PXOM que nos recortaría á edificabilidade que temos no actual e estrangularía o mercado da vivenda, ou como cambiar o modelo de Zona de Baixas Emisións que obrigaría a cambiar de coche á inmensa maioría da poboación que circula por Pontevedra. Abrir Raiña Vitoria e aumentar o tráfico na cidade significaría irlle ao peto a grande maioría. Almeida presentouse en Madrid prometendo eliminar Madrid Central e na realidade tivo que amplialo, facendo o contrario do que prometeu. 

A segunda, as liñas de actuación deste programa, as actuacións que se propoñen neste programa son solucións adaptadas á realidade xeográfica, urbanística, demográfica, económica e social de Pontevedra. Son un modelo alternativo, un xeito de vivir alternativo ao que circula polos círculos madrileños e levantinos. Solucións alleas para resolver problemas propios nunca deron bo resultado en Pontevedra e para mostra temos a Ponte dos Tirantes feito por quen non entendía que temos mareas na Ría e que obriga a pasar tombados aos piragüistas senón queren quedar sen cabeza. Ou a proposta dos tellados con vexetación que estarán ben para os páramos onde non medra case nada pero que nas Rías Baixas xa os temos porque a herba médranos soa nos tellados. Xa vivimos a situación de que algunha autoridade madrileña en ecoloxía urbana nos preguntara e insistira unha e outra vez, sobre a participación municipal na herba, na cuberta verde que teñen algúns tellados de Pontevedra. Non fomos quen de convencela de que tanto os privados como o concello somos vítimas dese verde natural, pois énchenos os tellados e os espazos públicos de broza a que hai que dedicar moitos recursos para limpala. Poderíamos seguir coas lameiras importadas do levante e un longo etcétera. 

En resumo, fronte ás propostas de outras forzas políticas de frear o avance ou dar unha volta atrás no modelo, este programa propón máis modelo Pontevedra, máis avanzar cara o futuro. Propón avanzar na Pontevedra do futuro, con propostas ambiciosas, moi ambiciosas, pero realistas e con coñecemento da súa viabilidade e das súas consecuencias con solucións xenuínas, propias e adaptadas a nosa realidade. 

Paixón por Pontevedra

Compartir: