Estou namorado até as trancas de Pontevedra, das miñas xentes, da sociedade pontevedresa. Estou no mellor momento da miña vida política e persoal, con máis ilusión e proxectos de futuro que nunca.
A miña familia, as persoas que me acompañan na actividade diaria, e vos, todas e todos vos, cada unha e cada un de vos, sodes a razón pola cada día estou con máis gañas de traballar por Pontevedra. Sinto verdadeira Paixón por Pontevedra.
As persoas e as sociedades melloramos cando nos marcamos retos. Desde este amor que teño por Pontevedra, propóñovos tanto a vos coma a toda sociedade pontevedresa un reto, un grande reto: avanzar, avanzar, avanzar.
Avanzar crendo nas posibilidades de Pontevedra, avanzar aplicando solucións á medida de Pontevedra, avanzar con rumbo certo, e, sobre todo, avanzar sobre o amor, a ilusión e o orgullo que compartimos sectores moi amplos da sociedade pontevedresa.
Quero dirixirme a todas as persoas que lle queren a Pontevedra, a todas as persoas que poñen Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas, para dicirlles que con entusiasmo por Pontevedra, con paixón por Pontevedra, poden ter confianza en que superaremos todos os retos que nos marcamos.
Os dirixentes da dereita de Pontevedra, antipáticos e rancios onde os haxa, levan dende xa hai 20 anos dicindo que Lores está acabado, está cansado, está esgotado. 20 anos repetindo o mesmo. Que aburridos!!
Acabada debería estar esa dereita que levou ao marasmo e ao desastre a Pontevedra nos anos 80 e 90.
Cansada debería estar esa dereita de agardar por ter o goberno de Pontevedra. Un goberno que non merecen. Pontevedra non pode confiar nesa dereita que ten por único proxecto volver a aquela Pontevedra casposa e en “branco e negro” de hai 25 anos.
Estou seguro que vamos a dar o mellor de nos para ter uns bos resultados o 28 de maio, pero ollo, o partido hai que xogalo e o resultado non está asegurado. Isto non está feito nin moito menos.
Crer que vai ser fácil sería un erro do que nos teríamos que arrepentir. O P.P. vai a por todas, con boas e, sobre todo, con malas artes. Será difícil e haberá que traballalo moito.
Levaría horas resumir o que se ten feito. Destacaría dous enormes logros: o recoñecemento internacional de Pontevedra e ter superado a Vigo como cidade xeradora de emprego e riqueza. Do “Vigo traballa, Pontevedra durme”, pasamos a que hoxe Pontevedra traballa bastante máis que Vigo.
Aínda máis horas levaría describir as propostas de futuro. Son centos pero destacaría: a conversión do Museo e de Santa Clara no Museo Nacional de Galiza; as series mundiais do triathlón de setembro; e converter toda Pontevedra, a cidade, a Ría e o rural, nun modelo medioambiental por moito que se opoñan o P.P. e o Supremo. Non hai futuro sen un medio san.
Non é lugar nin ocasión para estenderse. Hoxe é unha noite de festa e confraternidade.
Para min hoxe é un gran día. Agradezo de todo corazón a vosa compañía. Grazas, mil grazas polo esforzo que fixestes para estar aquí.
Estou seguro de que tamén faredes o esforzo de convencer e mobilizar a todas persoas da vosa contorna para que apoien o benegá, o único proxecto que garante a Pontevedra avanzar, avanzar e avanzar.
Ánimo, moito ánimo!
Pasémolo moi ben!
Adiante Pontevedra!
Viva Pontevedra!