Bo día a todas e todos. Grazas por asistir.
Pido disculpas pola premura da convocatoria pero había que sacar tempo de onde non o había. Forcei para ter este acto porque me sentía en débeda con vós, cos autónomos e pequenos e medianos empresarios locais ou con delegación local. Pois aquí estamos e con moito gusto.
Como sei do ocupados que estades, quero ser conciso e preciso, por iso vou ler a miña declaración.
Non vou a estenderme nin insistir no noso programa de goberno para o sector nin no xa feito. Supoño que xa coñecedes que propoñemos ampliar os terreos industriais, incentivar a innovación e a creatividade, darlle un impulso ao turismo, e outras medidas de apoio a actividade económica, como tamén sabedes que fomos o concello que máis recursos dedicou ás empresas e autónomos pola COVID e que sempre que se pode, e incluso cando non se pode, contratamos con empresas de Pontevedra.
Pero hoxe o que quero é que este acto serva de recoñecemento e desagravio, si desagravio, a todo o sector, autónomos, e pequeno e mediano empresariado.
Pontevedra vai razoabelmente ben.
Hoxe somos, en termos comparativos, o maior foco urbano de actividade económica e emprego de toda a provincia. Temos máis de 50.000 postos de traballo, con un superávit de 15.000 postos. Máis do 75% dos postos de traballo de Pontevedra creádelos vós. Non solo sodes o motor da economía de Pontevedra, sodes a economía de Pontevedra!
E tendes que escoitar que Pontevedra é unha cidade de funcionariado, cando non chegan nin cuarta parte dos 50.000 postos de traballo, desprezando que vos sodes os que creades a inmensa maioría do emprego.
En termos comparativos, Pontevedra pasoulle á Vigo como motor económico da provincia. Temos 61 postos de traballo por cada cen habitantes mentres Vigo ten 49.
Para min é un dos maiores orgullos rematar con aquilo de que ”Vigo traballa, Pontevedra dorme”. É un éxito voso.
E tendes que escoitar que Pontevedra se derrumba se se traslada ENCE ou se non ven IKEA. Parece que hai quen despreza o voso traballo, a vosa iniciativa, o voso labor, os postos de traballo que creades. Hai quen pensa que o de afora é mellor que o que facedes vos.
Pois non, para min sodes os mellores, os de Pontevedra sodes os mellores!!!
Tamén tendes que escoitar “Pontevedra, cidade do paro”, con total desprezo polas ducias de miles de traballo que creades. Incluso ignorando que moitos de vos non podedes crear máis emprego porque non hai man de obra.
E podería seguir con outros moitos exemplos de desprezo polo voso labor.
Pois que saibades que valoramos moitísimo o voso traballo, a vosa iniciativa, o voso tesón, a vosa determinación. Se a Pontevedra lle vai ben é polo voso traballo. O goberno municipal pode colaborar, pode poñer as mellores condicións das que sexa capaz, pero o mérito é voso e solo voso.
Todos queremos que a Pontevedra lle vaia aínda mellor e para iso vos sodes fundamentais, absolutamente fundamentais. Como non o fagades vos, coa vosa iniciativa, coa vosa determinación, pouco pode facer ningún goberno municipal.
Estou seguro de que o ides a facer! Estou seguro!
Sabemos que ser empregador, que ser empresario, nunca foi fácil e moito menos nestes tempos de cambios tan acelerados e de competencia tan feroz. Sabemos que para vivir sempre coa ameaza de “camarón que se durme, leváseo a corrente” hai que ter unha pasta especial.
Porque cando a cousa vos vai ben, tendes que estar alerta para mantervos ou mellorar. E cando non vai tan ben, tendes que buscar solucións para mellorar, resistíndovos ao fracaso. Sabemos que estades sempre en tensión, sempre en vilo, e para unha vida así hai que valer e quero agradecer publicamente esa vosa valía.
Pontevedra quere agradecer a vosa enorme valía!
Son consciente de que levar adiante calquera negocio, actividade ou empresa é unha forma de vida moi especial. Quero agradecervos que elixirades esa forma de vida. Pontevedra está agradecida de que elixirades esa forma de vida.
Quero facervos unha petición:
Quero pedirvos que vos fagades valer, que poñades en valor a enorme importancia que tendes, o que significades para Pontevedra e que transmitades publicamente os vosos éxitos como colectivo, dicir o moito que valedes.
A mellor maneira creo que sería que fagades máis fortes e representativas as vosas asociacións. Algunhas xa son exemplares, esixen o que teñen que esixir e transmiten unha opinión realista e positiva do voso labor. Por desgraza outras non o son tanto, dando unha imaxe distorsionada e negativa do voso labor. Para nos tamén é un problema pois o que nos chega sabemos que non corresponde coa opinión e intereses da maioría. Se o puiderades solucionar melloraría a interlocución e a colaboración entre o sector e o concello.
Para rematar, quero que saibades que podemos ter lóxicas diferenzas e discrepancias pero que sempre, sempre, me teredes ao voso lado para traballar cóbado con cóbado co obxectivo de mellorar e facer avanzar Pontevedra. Sabemos do papel decisivo que xogades, sabemos que colectivamente o estades a facer francamente ben e sempre poderedes contar coa nosa man tendida e coa nosa colaboración leal.
Viva Pontevedra!!!
Paxión por Pontevedra