XPO logo

Intervención do Miguel Anxo Fernández Lores na presentación do programa de goberno

Bos días a todas e todos. Grazas por asistir a esta presentación do programa do benega para as Eleccións Municipais deste 28 de maio. 

O discurso de Eva Vilaverde ten ideas moi profundas e rigorosas das que eu destacaría algunhas moi importantes: 

A primeira, que a política espectáculo, a política de eslogans e promesas inviábeis o único que demostra é a ausencia de proxecto serio, rigoroso, estudiado, posíbel e viábel. Asistimos campaña tras campaña, e esta campaña vai polo mesmo camiño, a un rosario de promesas imposíbeis. Despois pasa o que pasa, que ao dia seguinte ás eleccións, os mesmos que fixeron esas promesas esquécense delas. Nos nunca dixemos o que non sentíamos nin prometemos o que non estábamos seguros de poder cumprir e así queremos que sexa tamén con este programa. 

A segunda, que este programa é unha base moi sólida para avanzar e avanzar, no que se fan propostas de futuro, pero realistas e con coñecemento das posibilidades de levalas a bo fin, de podelas executar, con coñecemento das súas consecuencias. Transformar a realidade, transformar o concello, facer cidade, conséguese con accións concretas, con propostas das que existan bastantes garantías de que se poidan executar, non con ocorrencias imposíbeis que o único que pretenden é chamar a atención. 

E a terceira, que as liñas de actuación deste programa, as actuacións que se propoñen neste programa son solucións adaptadas á realidade de Pontevedra. Son un modelo alternativo, un xeito de vivir alternativo ao que circula polos círculos madrileños e levantinos e que outras candidaturas queren importar e que nos levarían ao desastre, pois, solucións alleas para resolver problemas propios nunca deron bo resultado en Pontevedra 

E a cuarta, que este programa está feito por persoas que lle queren á Pontevedra, e polo tanto, este programa está dirixido a todas as persoas que lle queren a Pontevedra, a todas as persoas 

que poñen Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas, para dicirlles que con entusiasmo por Pontevedra, con paixón por Pontevedra, poden ter confianza en que superaremos todos os retos que nos marcamos. 

Para esta nova etapa que queremos abrir, neste programa propónselle á cidadanía de Pontevedra os seguintes retos, os seguintes soños: 

O soño de ter unha cidade e un rural de cada vez máis elevada calidade de vida, estendendo o modelo urbano e o modelo rural con solucións xenuínas e adaptadas á nosa realidade. 

O soño de que todas as veciñas e veciños de Pontevedra sexan tratados cada vez con máis equidade, mellorando os mecanismos de participación veciñal e dando un salto adiante na mellora do funcionamento da administración municipal. 

O soño de lograr que Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos. Xa o somos en modelo urbano, na mobilidade, na posta en valor do monte, na eficiencia do subministro de água potábel. Temos que conseguilo no tratamento dos residuos convertindos en recursos, na recuperación da Ría, no tratamento de aguas residuais e noutros campos e iso propón o programa. 

O soño de estimular e aproveitar a explosión de creatividade que se está a dar nestes intres en Pontevedra nos diversos ámbitos artísticos, educativos, comerciais e industriais, pois a creatividade é parte substancial do futuro que ambicionamos. 

O soño dun concello con cada vez máis grande dinamismo social, económico, cultural e deportivo. Pontevedra rebosa na actualidade dinamismo,somos a cidade que comparativamente ten máis actividades de todo tipo, a que ten maior índice de criación de emprego da provincia, pero estamos seguros que se pode avanzar aínda moito máis. 

O soño de poñer en valor todas as nosas potencialidades, o noso patrimonio material e inmaterial, o noso ambiente privilexiado como capital das Rías Baixas, pero sobre todo o noso capital humano, que é o maior patrimonio que temos en Pontevedra. 

O soño de ver Santa Clara, A Ría, A Xunqueira de Alba, o Monte, a pleno rendemento, 

O soño dunha nova xeira de infraestruturas como a variante de Alba, o remate do paseo a Marín, a remodelación do Nó de Bombeiros, a variante de Mollavao, e de ver rematada a Circunvalación. 

O soño dunha ecoloxía urbana de vangarda, da economía circular e de todas as medidas que se teñen mostrado eficaces contra o cambio climático. 

O soño de ver convertido o Museo de Pontevedra no que sempre debeu ser, o Museo Nacional de Galiza. 

Presentarse a estas eleccións é falar de futuro, supón abrir unha nova etapa a partires do 28 de maio. O feito en anteriores etapas, feito está, xa é pasado, xa forma parte da historia da cidade, creo que brillante e orgullosa, e servirá de punto de partida para traballar nesta nova etapa. 

É certo que conseguimos transformar unha cidade gris, triste, enferma… onde era difícil vivir, nunha cidade amable, dinámica, segura, accesible, respectuosa co medio, nunha cidade referente no mundo e da que todos os pontevedreses e pontevedresas nos sentimos orgullosas. 

É certo que nos adiantamos décadas a problemas e demos solucións que anos despois nos tentan vender dende Madrid como “modernidades”: Recuperación da memoria histórica, avance nos novos sectores da economía, rexeneración e posta en valor do patrimonio cultural e ambiental, mobilidade, modelo de cidade, urbanismo feminista e outros varios nos que fomos pioneiros e temos moito avanzado. 

Pero estas eleccións supoñen abrir unha nova etapa con novos retos, con novas propostas, con renovadas ilusións, unha nova etapa con fresca e entusiasta paixón por gañarmos o futuro. 

Este programa é a plasmación deses novos retos, desa nova etapa, desa paixón, dese amor por Pontevedra que teño eu e que teñen todos as persoas que conforman a nosa lista. 

Fronte ás outras forzas políticas, fronte ás outras candidaturas das que unhas propoñen frear o avance e desviar o modelo cara camiños diferentes e contraditorios co actual modelo e outras dar abertamente unha volta atrás no modelo, o benegá propón, este programa propón máis modelo Pontevedra, máis avanzar cara o futuro. Propón avanzar na Pontevedra do futuro, con propostas ambiciosas, moi ambiciosas, pero realistas e con coñecemento da súa viabilidade e das súas consecuencias, e con solucións xenuínas, propias e adaptadas a nosa realidade. 

Para rematar, o que pretendemos con este programa é converter Pontevedra en CAPITAL DE FUTURO, un futuro de alta calidade, verde, dinámico e integrado. Coa colaboración de todas e todos as persoas que lle queremos a Pontevedra estou seguro de que o lograremos. 

Viva Pontevedra!!! 

Paxión por Pontevedra

Compartir: