XPO logo

Intervención Miguel Anxo Fernández Lores no mitin central

Boa tarde Pontevedra!!!.

O benegá  preséntase hoxe ante a sociedade pontevedresa coa cabeza ben alta, co aval do traballo ben feito. O benegá ten demostrado ser a única garantía dun goberno ético, honrado, serio e solvente. Dun goberno que fixo o que prometeu e que nunca enganou aos votantes.

Eu nunca dixen o que non sentía nin no benegá prometemos o que non estábamos seguros de poder cumprir. Así o fixemos até agora e así o faremos no futuro.

Presentámonos co aval de ter conseguido transformar unha cidade gris, triste, enferma, difícil para vivir, nunha cidade amábel, dinámica, segura,  accesible, respectuosa co medio.

Presentámonos co aval de térmonos adiantado décadas aos problemas e ter conseguido darlle solucións innovadoras, como a recuperación da memoria histórica, o avance nos novos sectores da economía, a posta en valor do patrimonio cultural e ambiental, a mobilidade urbana, o modelo de cidade e rural, o urbanismo feminista e outros nos que fomos pioneiros a nivel mundial.

Entre todas e todos logramos que a nosa Pontevedra sexa un referente no mundo, que as demais cidades miren con admiración para nós e queiran imitar as nosas solucións e a nosa calidade de vida.

Podemos estar orgullosos, moi orgullosas do feito!!!

Lográmolo!!! Somos un referente mundial!!!

Debaixo das pedras se deberían meter os que estiveron todo o tempo poñendo paus nas rodas á Pontevedra!!!

Até agora no concello de Pontevedra non deron feito, pero alá onde teñen o goberno, sexa na Xunta ou no Estado, seguen saboteando a Pontevedra, seguen saboteando o paseo a Marín, o vial de Mollavao, o dragado da Ría, a variante de Alba, a circunvalación, a liberación da Xunqueira de Alba.

Nos podemos presentarnos cos deberes feitos, con avances de Pontevedra a un ritmo nunca visto, mentres outras forzas políticas sabotean o avance de Pontevedra.  Que mal lle fixo Pontevedra para merecer ese desprezo??

Pero o feito, feito está, é pasado, forma parte da historia da cidade e do rural, creo que brillante e orgullosa.

Quero abrir unha nova etapa en Pontevedra. Preséntome porque estou no mellor momento da miña vida política, coa serenidade e coñecemento que da a experiencia, pero con máis ilusión que nunca para esta nova etapa, este novo ciclo a 8-10 anos. Estou namorado até as trancas de Pontevedra, sinto verdadeira paixón por Pontevedra, e o amor e a paixón dan ilusión, dan empuxe, fan pensar no futuro.

Para esta nova etapa temos novos soños, temos renovadas ilusións:

O soño de ter unha cidade e un rural de cada vez máis elevada calidade de vida, estendendo o modelo con solucións xenuínas e adaptadas á nosa realidade.

O soño de que todas as veciñas e veciños de Pontevedra sexan tratados cada vez con máis equidade e eficiencia, mellorando os mecanismos de participación veciñal e dando un salto adiante na mellora do funcionamento da administración municipal.

O soño de lograr que Pontevedra sexa referente mundial  en cada vez máis ámbitos. Xa o somos en modelo urbano, na mobilidade, na posta en valor do monte, no subministro de água potábel. Temos que conseguilo no tratamento dos residuos convertendos en recursos, na recuperación da Ría, no tratamento de aguas residuais e noutros campos.

O soño de estimular e aproveitar a explosión de creatividade que se está a dar nestes intres en Pontevedra nos diversos ámbitos artísticos, educativos, comerciais e industriais, pois a creatividade e a innovación é parte substancial do futuro que ambicionamos. 

O soño dun concello con cada vez máis grande dinamismo social, económico, cultural e deportivo. Pontevedra rebosa na actualidade dinamismo, somos a cidade da contorna que ten máis actividades de todo tipo, cultural, laboral, social e deportivo, pero estamos seguros que se pode avanzar moito máis.

O soño de poñer en valor todas as nosas potencialidades, o noso patrimonio material e inmaterial, o noso ambiente privilexiado como capital das Rías Baixas, pero sobre todo o noso capital humano, que é o maior patrimonio que temos en Pontevedra.

O soño de ver Santa Clara, A Ría, A Xunqueira de Alba, o Monte, a pleno rendemento,

O soño dunha nova xeira de infraestruturas como a variante de Alba, o remate do paseo a Marín, a remodelación do Nó de Bombeiros, a variante de Mollavao, e a Circunvalación.

O soño dunha ecoloxía urbana de vangarda, da economía circular e de todas as medidas que se teñen mostrado eficaces contra o cambio climático.

O soño de ver convertido o Museo de Pontevedra no que na práctica sempre foi, o Museo Nacional de Galiza.

En resumo

Avanzar, avanzar, avanzar!!!

Máis por vir!!!

Por fin as cartas xa están sobre a mesa, xa se sabe que propón cada quen para o futuro de Pontevedra. Algúns sacaron a careta, outros xa se lles vía vir de lonxe. Saltan á vista ás diferenzas entre o que propón cada quen.

O benegá cumpre, sempre cumpre, mentres que todas e cada unha das demais candidaturas prometen o que saben que non van cumprir.

O benegá presenta un proxecto claro, nidio, ben definido, a 8-10 anos vista para Pontevedra. As demais candidaturas mostran unha total carencia de proxecto. Por desgraza, e digo de todo corazón, por desgraza, as demais candidaturas non teñen un proxecto, teñen unha obsesión que é frear e darlle a volta atrás a este modelo Pontevedra que construímos entre todas, que tanto éxito ten e que tanto irrita á dereita máis rancia e señoritil.

Reduciron as opcións a so dúas. Unha, mirar para o futuro e avanzar, que é o que propón o benegá, ou a volta atrás, que é o que propoñen as demais candidaturas.

Calquera voto que non vaia para o benegá será un voto pola volta atrás, por volver a aquela Pontevedra rancia, casposa e en branco e negro dos anos 80 e 90.

Todo voto que non sexa para o benegá será un voto para a volta atrás!!!

E non o digo eu, estano dicindo todos os días as demais candidaturas.

Pontevedra doulle unha orixinal e brillante solución ás zonas de baixas emisións. Os demais prometen cambiala aumentando a cantidade de tráfico e os seus perigos, uns prometendo quitar pasos sobreelevados e lombos, outros  abrir Raiña Vitoria e outras rúas. Pretenden sacar ás persoas das rúas de Pontevedra para substituílas por máquinas.  

Non llo podemos consentir, parémoslle os pes con votos e máis votos!!!

O que propoñen obrigaría ás etiquetas, ou sexa, a cambiar de coche á inmensa maioría da poboación que circula por Pontevedra. Só podería circular por Pontevedra quen teña cartos para un novo coche eléctrico carísimo; os que non poidan pagar eses cartos, non poderían facelo.

Non podemos consentir tamaña inxustiza!!!

Temos que impedilo con votos e máis votos!!.

Os outros propoñen un novo PXOM adaptado ao modelo da Xunta do P.P., ou sexa, coches e máis coches, volver atrás o modelo urbanístico de Pontevedra. E tanto no rural como no urbano a metade dos soares nos que agora se pode edificar quedarían sen poder edificarse.

Non llo podemos consentir, temos que paralos con votos e máis votos!!!

Para gobernar un concello o primeiro que hai que ter é amor por el. O benegá desborda paixón tanto polo que é como polo que pode chegar a ser Pontevedra. Todas as demais candidaturas mostran certa xenreira por Pontevedra e moi pouca fe nas súas potencialidades.

Temos que escoitar que Pontevedra é unha cidade dormitorio, cando comparativamente é o maior foco urbano creador de emprego de toda a provincia. Sobre 27.000 persoas dormen noutros concellos e veñen traballar a Pontevedra. Non lles gusta que sexan as outras as cidades dormitorio de Pontevedra, non lles gusta!!!.

Temos que escoitar que non se pode entrar en Pontevedra, que está bloqueada. Que mal lles senta ver o fervedoiro de xente de aquí e de afora que hai en Pontevedra. Que mal o pasan!!!

Outras cidades desprazaron á industria pesada como ENCE do seu tecido urbano. Os demais néganlle esa posibilidade a Pontevedra, moléstalle que a Pontevedra lle poida ir ben.

Outros concellos, incluso a Xunta, copian o exitoso modelo de redutores de velocidade de Pontevedra. Os demais están en contra dos redutores de Pontevedra. Disgústalles que Pontevedra poida servir de exemplo.

As actuacións que propón o benegá recollen o mellor que se está a facer en todo o mundo, pero adaptadas á realidade de Pontevedra. Os demais copian solucións madrileñas e levantinas. Solucións alleas  que nunca deron bo resultado porque por alá non teñen mareas na Ría, nin lameiras de natural, nin herba nos tellados.

O P.P. de Pontevedra aínda vai máis alá. Mentres os concellos gobernados polo P.P. e mesmo a Xunta, copian o modelo de composteiros comunitarios de Pontevedra, o P.P. de Pontevedra sóbese con unha picaraña a eles para mostrar a súa oposición frontal. Non soportan que Pontevedra avance.

O P.P de Pontevedra estivo en contra da compra de Santa Clara, mentres que o P.P. provincial e a Xunta si a apoiaron.

Hoxe votaron en contra de que a Deputación invista 8 millóns de euros na rehabilitación dos edificios do Museo da Praza da Leña. O P.P. sempre contra Pontevedra. Sempre contra Pontevedra.

Así é o P.P. de Pontevedra, máis montaraz e señoritil que o propio P.P..

Fronte ás outras forzas políticas que propoñen frear o avance e  dar abertamente unha volta atrás no modelo, o benegá propón máis modelo Pontevedra, máis avanzar cara o futuro, máis por vir. Propón avanzar na Pontevedra do futuro, con actuacións moi ambiciosas, pero realistas e con coñecemento da súa viabilidade e das súas consecuencias, avanzar con solucións xenuínas e adaptadas a nosa realidade.

Para rematar, quero facer un chamamento ás persoas que lle queren a Pontevedra, que poñen o seu cariño a Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas. Ofrézolle coa man tendida un proxecto común e integrador para toda Pontevedra e quero que saiban que poden ter confianza que, entre todas e todos, lograremos os soños que ambicionamos.

Coa colaboración de todas e todos as persoas que lle queremos a Pontevedra estou seguro de que o lograremos. Pero quero facer unha advertencia.

Nada, absolutamente nada está gañado, todo está por gañar.

Non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra, nin un!!!

Viva Pontevedra!!!

Miguel Anxo Fernández Lores.

Paixón por Pontevedra

Compartir: