O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá ás 35 persoas que o acompañarán na candidatura, na que está representada todo o concello.
Resaltou a experiencia e a solvencia de todas as persoas da listaxe.
Volveu a advertir que será “unha campaña difícil” porque se xoga a volta “á Pontevedra rancia, casposa e clasista do PP dos anos 80 e 90”.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e candidato á Alcaldía, presentou esta mañá na escalinata de acceso á Alameda da cidade ás persoas que o acompañarán na candidatura coa que aspira a ocupar a Alcaldía o vindeiro 28 de maio.
Lores afirmou estar “inmensamente feliz de presentarvos as persoas que me acompañan na candidatura para que Pontevedra siga avanzando”. É unha listaxe integrada por 25 persoas máis 10 suplentes que son “persoas representativas da sociedade pontevedresa máis dinámica. Creo que é a candidatura que mellor representa a Pontevedra, á sociedade pontevedresa activa, traballadora, honrada e orgullosa de si mesma”.
O candidato á Alcaldía destacou que se trata dun “grupo plural e variado. Hai xente dende Xeve a Bora, dende as Corvaceiras a Parda, dende Ponte Sampaio a Mourente, de Lérez a San Brais, da avenida de Vigo ao Centro histórico”.
“Levo comigo dende a experiencia da xente de máis idade, o que se chama o coñecemento senior que é fundamental na sociedade, ao empuxe da xente máis nova”, indicou Fernández Lores, que resaltou que “temos unha medida de idade de 50 anos que vén a representar a media de idade dos votantes do concello de Pontevedra”.
O candidato á Alcaldía destacou que as persoas que o acompañan na candidatura teñen “experiencia contrastada, solvencia, formación e capacidade de xestión para que Pontevedra siga avanzando”.
Tamén resaltou que son pontevedreses e pontevedresas comprometidos “con Pontevedra, que lle queren a Pontevedra, con proxectos e ideas, con paixón, amor, ilusión e capacidade de sacalos adiante porque teñen unha gran capacidade de xestión”.
De feito, nunha reflexión sobre a elaboración desta candidatura, Fernández Lores recoñeceu que puxera unha condición “todas as persoas que me acompañaran tiña que verlles nos ollos a paixón o amor e a ilusión que eu teño por Pontevedra”.
Rematou asumindo que “vai ser unha campaña difícil, pero todos os que estamos aquí confiamos nas nosas posibilidades porque o que se está xogando é avanzar, avanzar, avanzar ou a volta atrás a Pontevedra rancia, casposa e clasista do PP dos anos 80 e 90. Nesta campaña imos a por todas. O partido hai que gañalo e hai que xogalo, pero non nos poñemos absolutamente ningún límite”.
A candidatura do BNG pódese consultar dende hoxe na web de campaña
Paxión por Pontevedra