O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo un encontro veciñal no Local Social de Sabarís.
Debullou o programa do rural que propón solucións xenuínas e adaptadas á realidade de Pontevedra como son os núcleos de centralidade rural, a recuperación do patrimonio ou a vertebración viaria das parroquias.
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato e alcalde de Pontevedra, mantivo esta tarde un encontro coa veciñanza de Campañó, no Local Social de Sabarís, acompañado de parte da candidatura do BNG á Alcaldía de Pontevedra. O alcalde conversou cos veciños e veciñas e recordoulles a importancia que ten o rural dentro do modelo de Pontevedra que defende o BNG, e cales son as súas aspiracións cando sexa alcalde de Pontevedra.
Fernández Lores recoñeceu o orgullo do traballo feito nestes últimos anos como os núcleos de centralidade parroquial onde se desenvolve a vida social das parroquias; o traslado dos estándares de calidade de vida da cidade a todos os núcleos residenciais das parroquias garantindo a seguranza viaria e a accesibilidade; a creación dos parques forestais que se teñen convertido en punto de lecer e de goce por parte dos pontevedreses vivan onde vivan; a chegada do saneamento a todas as parroquias e o abastecemento ao 80% da poboación ou o cambio de iluminación led (sostible) en todas as parroquias. Son algúns dos retos cumpridos ou en marcha polo BNG no Concello.
O candidato afirmou estar orgullo dos logros conseguidos pero non conforme, xa que aspira a continuar vertebrando os núcleos residenciais das parroquias con novas infraestruturas negociadas coa Xunta e co Estado, aumentando a calidade de vida seguindo solucións xenuínas e adaptadas á realidade de Pontevedra, como é o caso dos novos núcleos de centralidade de Verducido, Santa María de Xeve ou Campañó na contorna do colexio; a recuperación patrimonial das parroquias como o caso de San Cibrán, en Tomeza; ampliar a rede de locais sociais dotados de equipamentos e actividades; completar a mellora da rede viaria de conexión interparroquial e tamén as vías internas dos núcleos residenciais; e afondar na cohesión social de todas e cada unha das parroquias, entre outras moitas propostas de futuro.
Paixón por Pontevedra