O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores achegouse esta mañá ao monte de Tomeza para anunciar a posta en valor e recuperación integral das 7.000 hectáreas do monte de Pontevedra.
Considerado “un dos problemas ambientais máis importantes da cidade, que parece que se nos esquece”, o BNG quere que o monte de Pontevedra sexa espazo produtivo, lugar de lecer, recreo e historia.
O proxecto farase da man das comunidades de montes que controlan máis do 50% da superficie forestal do municipio.
O monte de Tomeza foi o lugar escollido polo candidato do BNG e alcalde de Pontevedra para facer a Declaración de San Cibrán: Pontevedra será o gran parque forestal das Rías Baixas. Acompañado de parte da súa candidatura e de veciñanza da parroquia, Miguel Anxo Fernández Lores fixo unha andaina dende o adro de San Pedro até a capela de San Cibrán, para comprometerse na posta en valor e recuperación integral das 7.000 hectáreas do monte de Pontevedra.
O candidato á Alcaldía explicou que Pontevedra ten varios retos ambientais sobre a mesa: o saneamento da ría e a recuperación dos ríos; a xestión dos residuos “porque estamos mandando 30.000 toneladas de residuos a queimar a Sogama, aínda que este problema xa está enfocado”; e a contaminación ambiental “sobre a que xa temos actuado”.
O outro reto ambiental é a xestión do monte. “Pontevedra ten no monte un problema ambiental moi gordo”, afirmou Fernández Lores. Lembrou que das 12.000 hectáreas de superficie do concello, 7.000 son monte “que está moi abandonado e cada certos anos hai unha vaga de incendios”. É dicir, o monte “é un dos problemas ambientais máis importantes da cidade, que parece que se nos esquece“, manifestaba.
Na actualidade, o monte de Pontevedra está a producir monocultivo de eucalipto xunto a outras especies pirófitas e invasoras. “Temos que actuar porque do monte depende a calidade do aire, que a terra reteña auga para ter solos fértiles…”, explicou o candidato do BNG.
Fernández Lores recordou que “cando foi a vaga de lumes de 2006, o Concello entendeu que o monte non era un problema só dos propietarios particulares ou das comunidades de montes, senón que tiñamos que actuar. Fixemos o Plan monte vivo no que plantamos máis de 400.000 árbores en colaboración coas comunidades de montes, e fixemos 18 proxectos. No último mandato fixéronse dous parques forestais de 400 hectáreas na Fracha en colaboración coas comunidades de montes de Tomeza, Marcón e Canicouva, e o parque da Tomba en Campañó. Xa tiñamos feito o parque do Pontillón do Castro”.
Tamén lembrou que en colaboración coas comunidades de montes, que controlan máis do 50% das 7.000 hectáreas de monte de Pontevedra, fíxose un plan de coidado do monte e de ordenación con financiamento municipal.
O parque forestal das Rías Baixas
Neste punto, o alcalde de Pontevedra e candidato á Alcaldía explicou que “o noso plantexamento é facer do monte de Pontevedra o gran parque forestal das Rías Baixas” co desexo de que os concellos limítrofes tamén se tomen en serio o programa e esixindo á Xunta que faga os investimentos pertinentes.
As actuacións irán dende a eliminación de especies invasoras a plantacións de árbores autóctonas imprescindibles para que o monte teña distintos usos e que permita aumentar a súa riqueza como cos cogomelos. Tamén avanzou na necesidade de entregalos á cidadanía habilitando espazos de lecer, sendas, vías de traballo, ou actividades deportivas que sexan respectuosas co medio. De feito, fixo alusión á proba deportiva de ciclismo de montaña Catro Picos na que se soben os catro picos do concello e á que acoden deportistas de toda a península.
Fernández Lores asegurou que conseguir ese gran parque forestal das Rías Baixas “non é fácil, vai requirir investimentos, pero se non coidamos o monte imos ter un problema ambiental gordísimo de cara ás próximas décadas”.
Por iso o candidato do BNG comprometeu “un esforzo de xestión nos vindeiros mandatos, maioritariamente coas comunidades de montes, pero se algún propietario privado quere facer ese cambio nesta liña intentaríamos colaborar tamén con el”. Tamén esixiu da Xunta que “faga unha política forestal razoable que permita a recuperación do monte autóctono que garante un retorno económico importante e unha maior calidade de vida”.
Por que San Cibrán?
Lores tamén quixo explicar por que se achegou a San Cibrán a facer esta Declaración. “San Cibrán é un monte icónico e sería un dos primeiros sitios -en colaboración coa comunidade de montes- no que queremos actuar mellorando e recuperando todo este espazo (o adro da capela), ademais doutros elementos materiais e inmateriais: desde petos de ánimas a regueiros de auga que temos que dar a coñecer para que a xente pasee por eles, faga exercicio e goce dos espazos naturais”, concluíu.
Paixón por Pontevedra