O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse esta tarde con representantes de clubs deportivos da cidade para presentarlles as súa programación de futuro
A creación do gran pavillón da Parda, xunto coa reforma do da Xunqueira II e o de Monte Porreiro, son algúns dos proxectos deportivos que quere impulsar o BNG
O candidato á Alcaldía Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta tarde un encontro con clubs deportivos da cidade no Pazo da Cultura acompañado das súas compañeiras de candidatura Eva Vilaverde e Anabel Gulías. Na reunión presentoulles os proxectos e iniciativas que o BNG promoverá no ámbito do deporte no vindeiro mandato.
Lores lembroulles que Pontevedra “é un fervedoiro de deporte”, tanto entendido como actividade física, como de deporte base, actividade deportiva arredor dos clubs nas diferentes modalidades, así como o deporte entendido como elemento de promoción económica e turística a través das grandes citas deportivas.
“Pontevedra é a cidade do deporte de Galicia”, indicou Fernández Lores que recordou que dispón de instalacións que o permiten como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), as facultades da Actividade física e do deporte e de Fisioterapia, e o propio modelo de cidade que convida a facer deporte e actividade física a diario.
Recordou que nestes últimos anos o Concello fixo campos de herba sintética, reformou o Pavillón Multiusos da Xunqueira, o Municipal, e habilitou o Pavillón da ONCE. De todos os xeitos, recoñeceu que “somos conscientes de que son necesarias máis instalacións deportivas para seguir sendo un referente en campionatos, especialmente internacionais, ademais de que hai deportes que precisan espazos específicos de adestramento e competición”.
Na actualidade é inminente a construción do novo campo de herba sintética de Salcedo e está pendente de licitar o proxecto para acondicionar a nave de piragüismo. No futuro están proxectos como rematar a cidade deportiva da Xunqueira intervindo no campo e no pavillón do IES A Xunqueira II, mellorar os pavillóns de Salcedo e Marcón, e construír o gran pavillón da Parda -alternativo ao Municipal-, que atenderá a deportes de pista e que disporá dun módulo exento para as disciplinas de ximnasia e escalada. Entre as dotacións proxectadas tamén está o novo pavillón municipal do barrio de Monte Porreiro, pensado para o tenis de mesa, xa que o seu club está a xogar na liga europea.
Pago de subvencións
O candidato á Alcaldía tamén resaltou o esforzo municipal no pago e dotación económica das subvencións aos clubs da cidade a través das escolas deportivas “unha contía que se duplicou neste mandato”, ás que se lle suman as subvencións anuais, as procedentes de Visit-Pontevedra e os convenios específicos cos clubs para a celebración de eventos e competicións no concello.
Quixo poñer sobre a mesa a intención do BNG de seguir promovendo o deporte con eventos de maior entidade e proxección internacional xa que son soporte dun turismo deportivo que implica un gran retorno económico para Pontevedra.
En carteira están a Gran final das series mundiais de tríatlon que se celebrará o vindeiro mes de setembro; o Multisport de tríatlon 2025; o Campionato de Europa de ciclocross ou o Campionato do mundo de loita olímpica sub-20. Todos eles véñense a sumar á longa carteira de campionatos e eventos de ámbito estatal e galego con cita en Pontevedra dende o piragüismo até o karate ou trampolín e salto.
Finalmente Fernández Lores agradeceu a colaboración e o traballo dos clubs de Pontevedra polo fomento da actividade física entre a veciñanza, así como o gran nivel deportivo da cidade “que queremos seguir incrementando no futuro”.
Paixón por Pontevedra