O candidato á alcaldía polo BNG fai balance da campaña electoral que rematará en catro días, sinalando o «bo ambiente» que sentiu na rúa, amais da «asistencia masiva» aos distintos actos realizados
O candidato á alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de martes en rolda de prensa para ofrecer unha valoración da campaña a catro días do seu remate.
«Non vou a valorar os medios que utiliza cada quen, mais si quero resaltar algo en positivo, e é que ninguén utilizou medios que deteriorasen o mobiliario urbano; tampouco pancartas nin panfletos anónimos, e agardo que siga sendo así até o final da campaña», indicou. «Que cada quen propoña o que teña que propoñer, diga o que lle pareza, pero sempre coa cara descuberta e sen deteriorar elementos públicos ou privados».
En canto á asistencia aos actos realizados, o líder do BNG pontevedrés sinalou que se superaran as cifras da anterior campaña, no 2019. «Quero destacar a asistencia á cea, que foi masiva, e se ben en números e semellante a doutros anos, veu máis xente de Pontevedra, quedando fóra preto de 200 persoas que querían vir doutros puntos próximos», explicou. «Ademais, o acto da Ferraría moi maior co das anteriores eleccións».
«O ambiente que eu palpo na rúa resulta moi positivo. Hai unha receptividade moi elevada. Teño que dicir que foi o mellor ambiente que eu atopei nunca, mesmo mellor ca o do 2015, intre no que obtivemos os mellores resultados na cidade», comentou Lores. «O proxecto que presentamos xera ilusión e así mo transmite a veciñanza. A asistencia masiva aos actos me permitiu entrar en contacto con miles de persoas, bastantes máis que noutras campañas, e ademais do apoio e da ilusión que me transmite a maioría, detectei que certos sectores amosa unha preocupación clara, que se transforma en expresións como: “Espero que no ganen los míos”. Fago un chamamento a todos os que lle queren a Pontevedra para que voten polo que sintan, polo que eles consideren que é mellor para Pontevedra máis alá de ideoloxías ou afinidades políticas ou persoais».
Lores volveu comentar o «elevado risco de volta atrás» que sobrevoa Pontevedra por mor da «enorme e sorprendente coincidencia de discurso entre as demais listas, nomeadamente entre PSOE e PP». «Cando falan podemos distinguirlles a voz, cando o poñen por escrito resulta imposíbel distinguilos na maioría das veces. Exemplo disto é abrir Raíña Vitoria, quitar lombos que salvan vidas, chamar a Pontevedra cidade dormitorio, estrangular Pontevedra cun novo PXOM, Lores está cansado, modelo esgotado, apoio a ENCE e ao seu plan social, copiarlle a Vigo as luces de Nadal…».
O candidato á alcaldía polo BNG sinala que existe «unha obsesión contra o modelo Pontevedra, tanto é así que nalgúns debates os discursos das outras forzas puideron ser intercambiábeis. Somos a garantía de futuro, temos proxectos críbeis, realizábeis. Este modelo permítenos avanzar. Non podemos permitirnos nin un paso atrás. Volvo a insistir: a todos os que lle queren a esta cidade e están de acordo coa evolución que a cidade experimentou que vaian votar polo BNG, que non deixen un voto atrás».