XPO logo

Lores: «Comprometémonos a converter o Museo de Pontevedra no Museo Nacional de Galiza»

O alcalde de Pontevedra, acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, repasou e subliñou esta mañá as principais liñas de traballo ao redor da cultura que se seguirán no futuro.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá ao carón da Praza da Leña acompañado da líder do BNG, Ana Pontón, co fin de anunciar e subliñar o contido do programa cultural elaborado de cara as vindeiras eleccións municipais.

A portavoz nacional do BNG sinalou o «pracer que me provoca estar en Pontevedra e compartir reflexións ao respecto das nosas cidades e do noso patrimonio». Pontón fixo un percorrido analítico ao redor do modelo de asentamento de poboación da Galiza, «propio da nosa nación», facendo fincapé na realidade urbana galega, unha realidade da que se derivan sete núcleos urbanos policéntricos, sen existir ningunha gran e dominante metrópole, feito que lle outorga ao país unha característica singular e única.

Pontón indicou que o futuro das cidades vai da man do futuro de Galiza, «e todas as cidades galegas deben buscar o seu camiño, teñen que dotarse de infraestruturas propias e axeitadas á súa realidade, prestando os mellores servizos públicos á súa veciñanza. Ademais, deben atopar a súa especialización». «A competencia entre cidades non desaparecerá, pero debe ser compatíbel con esa especialización e con esa concentración de esforzos en direccións diferentes en cada cidade. As vilas deben interrelacionarse entre elas e buscar sinerxías polo seu ben común e polo de Galiza».

Esa nomeada colaboración entre cidades «necesita ser liderada pola presidencia da Xunta», algo que a líder do BNG subliña como unha das súas prioridades no caso de ser elixida presidenta no futuro próximo. «Traballaremos pola cooperación entre cidades, crear unha conferencia urbana como un organismo permanente onde se poidan propoñer e discutir liñas de traballo de actuación que reforcen esas complementariedade entre cidades e a súa especialización en cada unha dela».

Deste xeito, a creación dunha rede propia de museos podería un exemplo desta especialización, mais «o Museo Nacional de Galiza só pode ser un e ten que ter a súa sede no Museo de Pontevedra», a través dos seus abundantes fondos, da súa orixe, das súas instalacións e pola súa integración na cidade, ademais de contar (Pontevedra) «cun sistema creativo moi interesante, como é a facultade de Belas Artes, o Campus Crea ou a facultade de Deseño e Moda. Quero felicitar ao Concello e á Deputación polos seus esforzos, por ter visión e altura de miras á hora de colaborar co Museo, mesmo cando foi xestionado por outra forza política».

Doutra banda, Lores quixo facer un breve percorrido pola historia recente do Museo de Pontevedra, lembrando como logrou conterse o chamado ‘efecto Guggenheim’, evitando un fracaso vivido noutras cidades do Estado. “Resistimos esa tentación, esa presión por ter un Museo de nova planta, e non porque non lles demos aos museos a importancia que se merecen que si lla damos e moita. Non collemos ese camiño porque tiñamos claro que o museo que necesitaba Pontevedra xa o tiñamos na cidade, que o único museo de verdade de Pontevedra era e tiña que ser o Museo Pontevedra».

«Para nós, o Museo Pontevedra é tan importante, tan simbólico, tiña tantas potencialidades que nunca o convertemos nunha batalla política partidaria nin intentamos competirlle disgregando a oferta museística da cidade con novos museos. Pola contra, sempre colaboramos lealmente coa Deputación para todo o que precisou para o Museo Pontevedra, incluída a entrega de parte da rúa da Serra para incorporar ao hoxe edificio Castelao», explicou. «Nesas circunstancias, a aposta do concello polo Museo Pontevedra era arriscada e valente. Pero co tempo, anos despois, mostrouse como a aposta acertada, moi acertada diría e tamén diría que foi a única decisión acertada que se podía tomar».

Así, o rexedor sinalou que tanto Pontevedra coma o Museo escolleron o camiño da vangarda, tendo este último as bases ben trazadas para seguir avanzando nese sentido, destacando dous exemplos claros como a devolución a Polonia dos cadros do espolio nazi, feito pioneiro no mundo e exemplo para vindeiras restitucións «cunha repercusión mundial moi grande»; ademais das cifras que manexa o órgano museístico, e que o colocan entre os 5 primeiros do estado e o primeiro de Galiza con distancia, en todos e cada un dos parámetros que caracterizan aos Museos: superficie edificada, número de pezas en depósito, número de pezas expostas, pezas nas bases de datos (dixitalización), museo virtual, integración na cidade. Superando a referentes como o Thyssen, Guggenheim, e outros moitos de moita sona e maior orzamento.

«A colaboración do Concello de Pontevedra co Museo Pontevedra estase a reforzar moito nos últimos tempos e para exemplos temos a tramitación da rehabilitación dos edificios centrais e a entrega de Santa Clara para o Museo», finalizou Lores. «Dentro da política de poñer en valor o noso patrimonio cultural, tan rico e de tanto valor, o BNG no concello de Pontevedra seguirá con este labor e, en particular, facendo todos os esforzos que estean ao alcance do concello para lograr o recoñecemento do que de feito xa é unha realidade e que se reforzará nun futuro inmediato, que o Museo Pontevedra é o Museo Nacional de Galiza e así debe ser recoñecido e tratado».

Paixón por Pontevedra

Compartir: