XPO logo

Lores comprométese a esixir e negociar con todas as administracións a posta en marcha da súa estratexia de mobilidade integrada de Pontevedra

Trátase dun plan que recolle todas as actuacións a desenvolver en materia de infraestruturas e que permitirán unha mellor mobilidade, conexión e calidade de vida para as persoas do municipio, con especial atención á veciñanza das parroquias

Dentro das actuacións a reclamar e negociar figuran a variante de Alba, o remate da A-57 e mesmo asumir as competencias de tramos de certas estradas como a N-550, a PO-542 ou a PO-223

O candidato á alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu esta mañá unha rolda pública, acompañado do deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, para dar a coñecer a súa estratexia de mobilidade integrada para Pontevedra, que implica a posta en marcha de todas as actuacións no referido a infraestruturas e mobilidade que garantan unha redución dos tráficos de paso da cidade e un avance na calidade de vida das persoas do municipio.

Bará explicou que «é habitual pensar en estradas, en tráfico e en coches, mais xa hai tempo que o BNG vén traballando noutro modelo, máis centrado nas persoas. Non podemos entender nin consentir que as persoas vivan en contornas agresivas e hostís. Existe un novo modelo de mobilidade e é o que o BNG está a implantar desde o Concello de Pontevedra, e tamén desde a Deputación a nivel autonómico».

O deputado nacional sinalou que o modelo aplicado desde a Xunta de Galiza no eido das infraestruturas pertence ao pasado, centrado só nos vehículos a motor, sen atender a coordinación entre administracións, sen poñer as persoas no centro e sen traballar as comunicacións cos núcleos de poboación do eido periurbano.

«Deben ser feitas actuacións que garantan a seguridade das vías, a súa amabilidade e a súa accesibilidade», indicou. «Non serven ocorrencias. Hai que abordar as actuacións pendentes desde hai moitos anos, como a variante de Alba ou a variante norte de Poio. Pomos sobre a mesa unha pregunta? Que pode facer o Goberno da Xunta por Pontevedra, que é moito; pero que pode facer Pontevedra por Galiza? Avanzar. Estas eleccións municipais son unha oportunidade para dar un salto adiante para acabar con este goberno do Partido Popular na Xunta, un goberno esgotado, que vai co depósito xusto, coa roda de reposto, e que permita avanzar nun novo modelo de mobilidade que tanto fixo avanzar a Pontevedra».

Pola súa banda, Lores lembrou que a Pontevedra de finais de século era unha «cidade gris e pechada». «As cidades son moi complexas, é complicado entendelas, e a experiencia que eu puiden vivir á hora de compartir dificultades de vivir en Pontevedra foi definitiva para entendelas e estudalas naquel momento. Nos últimos anos o Concello fixo un bo traballo á hora de reordenar os tráficos e mellorar as conexións, algo que falamos e acordamos con outras administracións».

O actual rexedor da cidade de Pontevedra lembrou que naquela mesa de traballado bautizada como M4 e que contaba coa presencia de todas as administracións, «ademais do Concello, só a Deputación respondeu a aquela mesa coas actuacións que foi facendo no concello de Pontevedra. Outras administracións van máis lentas».

Dentro das actuacións realizadas polo Concello figuran, por exemplo:

  • O desvío de tráficos das estradas de Vigo e Ourense por fóra do centro da cidade
  • A Ponte das Palabras de acceso a Monte Porreiro xunto co dos Campos
  • A mellora de acceso na Avenida de Marín
  • A Ponte das Correntes
  • O calmado de tráfico na zona desde a Tafisa
  • O novo Transporte Urbano
  • A rolda Leste
  • Acceso á Montecelo desde O Pino
  • A mellora do Nó do Pino

«Todas estas actuacións forman unha magnífica base para avanzarmos cara unha nova xeira de infraestruturas para Pontevedra», indicou Lores. «Non é pouco o que resta por facer, por iso me comprometo a poñer en marcha a estratexia de mobilidade integrada de Pontevedra, unha serie de actuacións que negociarei con Deputación, Xunta e Estado co fin de lograr a súa realización».

O candidato á alcaldía sinalou que esta estratexia ten dous obxectivos concretos: dunha banda, retirar tráficos de paso da cidade; e doutra banda, avanzar na calidade de vida das persoas, «sobre todo a da xente que vive nas parroquias de Pontevedra máis próximas ao centro urbano».

Ademais, Lores amosou a súa preocupación «polas cousas que estou escoitando por parte das outras forzas políticas». «Todas falan de aumentar os tráficos de paso. Que lle pregunten aos veciños de Salcedo na estrada de Vigo, aos de Alba, en San Caetano; a ver se están de acordo. Retirar tráficos innecesarios, sobre todo nas parroquias, e tratar con equidade á veciñanza en todas elas é o gran asalto adiante que queremos dar neste próximo mandato, mellorando a calidade de vida de todos e todas as persoas. Pontevedra segue a ser a única capital de provincia sen circunvalación. Gobernen uns e gobernen outros a obra non avanza. Varios anos de obras para facer seis quilómetros do primeiro treito», comentou Lores.

Para finalizar, Lores fixo fincapé na importancia de desviar o tráfico pesado que na actualidade cruza Pontevedra pola beira norte do Lérez, como pode ser observado na cabeceira norte da Ponte do Burgo. «É imprescindíbel que se faga unha conexión para o tráfico que una Cerponzóns e Lérez en menos dun quilómetro. Cómpre que todas as administracións asuman os seus deberes con Pontevedra», subliñou. «Quero retirar tráficos de paso coa circunvalación e coa variante de Alba, esixirei á Xunta que as súas vías en Pontevedra teñan os mesmos estándares de calidade como as municipais. Non pode ser que estas estradas sigan sen ter medidas de calmado de tráfico nin priorizado para as persoas. Como alcalde serei sempre firme nas miñas esixencias, mais tamén colaborarei con quen poña os intereses de Pontevedra por diante. Ofreceremos todo o noso coñecemento e experiencia para mellorar esas vías, mesmo negociando a posibilidade de asumir mesmo a titularidade de certas vías, como pode ser a estrada de Vigo, até preto de Vilaboa; ou a de Campolameiro, por Lérez e Xeve; ou a de Pontecaldelas, ou a de Pino- Bora».

Miguel Anxo Fernández Lores.
Panel nova xeira infraestruturas

Paixón por Pontevedra

Compartir: