O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá o programa de goberno arroupado por máis dun centenar de persoas que se deron cita na Galería Tangram da cidade.
Rexeitou a “política espectáculo” das últimas semanas e presentou un compromiso social cunha cidade e rural con máis calidade de vida, máis equidade social, lograr ser referente na xestión de residuos, aproveitar a explosión de creatividade do concello, incrementar o dinamismo económico, unha nova xeira de infraestruturas ou Santa Clara, a ría, o monte e a Xunqueira de Alba a pleno rendemento.
O candidato á Alcaldía de Pontevedra e alcalde do concello, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá un programa de goberno para unha nova etapa política, acompañado de máis de 100 persoas de distintos ámbitos da sociedade pontevedresa que o arrouparon neste acto celebrado na sala Tangram da rúa Rosalía de Castro. Foi presentado pola número dous da súa candidatura, Eva Vilaverde quen recordou que a experiencia e credibilid ade do grupo municipal do BNG na xestión municipal é incontestábel e que o programa que se presenta é realista para facer avanzar Pontevedra.
Na súa intervención, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que el concurre cun “programa rigoroso” alonxado da “política espectáculo”. Aseverou que “nós nunca dixemos o que non sentíamos nin prometemos o que non estábamos seguros de poder cumprir e así queremos que sexa tamén con este programa”.
O programa do BNG para a Alcaldía de Pontevedra é “unha base moi sólida para avanzar e avanzar, no que se fan propostas de futuro, pero realistas e con coñecemento das posibilidades de levalas a bo fin”, explicou Fernández Lores. Confirmou que é un programa xenuinamente pontevedrés e feito e dirixido “a todas aquelas persoas que lle queren a Pontevedra”.
Entre as propostas:
- “Unha cidade e un rural de cada vez máis elevada calidade de vida, estendendo o modelo urbano e o modelo rural con solucións xenuínas e adaptadas á nosa realidade”
- “Que as veciñas e veciños de Pontevedra sexan tratados cada vez con máis equidade, mellorando os mecanismos de participación veciñal”.
- “Que Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos. Xa o somos en modelo urbano, na mobilidade, na posta en valor do monte, na eficiencia do subministro de agua potábel. Temos que conseguilo no tratamento dos residuos convertindos en recursos, na recuperación da Ría, no tratamento de aguas residuais”.
- “Estimular e aproveitar a explosión de creatividade que se está a dar nestes intres en Pontevedra nos diversos ámbitos artísticos, educativos, comerciais e industriais, pois a creatividade é parte substancial do futuro que ambicionamos”.
- “Un concello con cada vez máis grande dinamismo social, económico, cultural e deportivo”.
- “Poñer en valor todas as nosas potencialidades, o noso patrimonio material e inmaterial, o noso ambiente privilexiado como capital das Rías Baixas, pero sobre todo o noso capital humano”.
- “Ver Santa Clara, a ría, a Xunqueira de Alba, o monte, a pleno rendemento”.
- “Unha nova xeira de infraestruturas como a variante de Alba, o remate do paseo a Marín, a remodelación do nó de Bombeiros, a variante de Mollavao, e ver rematada a circunvalación”.
- “Una ecoloxía urbana de vangarda, da economía circular e de todas as medidas que se teñen mostrado eficaces contra o cambio climático”.
- “Ver convertido o Museo de Pontevedra no que sempre debeu ser, o Museo Nacional de Galiza”.
O candidato á Alcaldía indicou que este é un programa para unha nova etapa. Fixo alusión ao traballo feito en etapas anteriores que “xa é pasado, xa forma parte da historia da cidade, creo que brillante e orgullosa, e servirá de punto de partida para traballar nesta nova etapa”. E esta nova etapa supón “novos retos, novas propostas, renovadas ilusións, unha nova etapa con fresca e entusiasta paixón por gañarmos o futuro”, afirmou.
Por iso, Fernández Lores animou aos presentes e a todos aos que lle queren a Pontevedra a convertela en “Capital de futuro, un futuro de alta calidade, verde, dinámico e integrado”, fronte “ás outras candidaturas que propoñen frear o avance e desviar o modelo cara camiños diferentes e contraditorios co actual modelo ou dar abertamente unha volta atrás no modelo”.
O candidato e alcalde de Pontevedra polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “coa colaboración de todas e todos as persoas que lle queremos a Pontevedra estou seguro de que o lograremos”.
Pódese consultar todo o programa aquí
AUDIOS
Paxión por Pontevedra