XPO logo

Lores percibe a ilusión dos integrantes da súa candidatura pero advírtelles da posible involución porque  “os inimigos son moi poderosos” 

O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo onte pola tarde unha reunión cos integrantes da Candidatura de Pontevedra e o Comité de campaña para perfilar o vindeiro mes.

Percibiu moita ilusión e gañas de traballar por parte de todos e todas, pero tamén lles advertiu das posibilidades reais de volta atrás.  

A un mes da cita electoral do 28 de maio, o candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse onte pola tarde co Comité electoral de campaña e boa parte da Candidatura para avanzar na campaña electoral. A ilusión era palpable entre o equipo, pero o alcalde advertiulles que “dos perigos que poden aparecer polo camiño porque os inimigos son moi poderosos”.

Fernández Lores aplaudiu a ilusión e o ánimo de todos os membros da Candidatura para que o resultado do 28 M sexa satisfactorio. De feito, fixo un chamamento “a todas as persoas que lle queren a Pontevedra para seguir traballando xuntos, para que Pontevedra siga avanzando porque estamos a estrear un novo tempo que suporá un relanzamento de Pontevedra, da man de grandes proxectos ilusionantes”.

Pero ao mesmo tempo advertiulles da presión e o xogo sucio neste mes que queda por diante, porque “os inimigos do modelo, os inimigos de Pontevedra son moi poderosos”. Pediulles que “non escatimen esforzos para evitar que traten de frear o avance de Pontevedra, por iso é preciso estar atentos e alerta até o 28 de maio”. Para non permitilo, fixo un chamamento a todos os que lle queren a Pontevedra.

Na reunión abordouse o programa electoral que está en plena fase de elaboración así como os actos públicos que se irán convocando ao longo da campaña. Todos os presentes puxéronse a disposición de Miguel Anxo Fernández Lores para participar activamente e difundir o proxecto de avance de Pontevedra a todos os puntos do concello.

Paixón por Pontevedra

Compartir: