O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores abriu esta medianoite a campaña electoral cun encontro coa candidatura, militantes e simpatizantes no Cafetín, antes da pegada oficial na praza de España.
Dixo que se inicia un proceso “ilusionante” porque supón falar de “futuro, de abrir unha nova etapa”.
Tamén recordou que existe “un perigo real de volta atrás porque as outras forzas políticas están en contra do modelo”
O BNG de Pontevedra abriu esta medianoite a campaña electoral ás municipais do 28 de maio cun encontro no Cafetín onde o candidato á Alcaldía, Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado da candidatura e de militantes e simpatizantes do BNG. Logo desta festa, Miguel Anxo Fernández Lores dirixiuse até a praza de España onde se instalaron os paneis para realizar a pegada oficial de inicio de campaña.
O candidato recoñeceu que “esta é unha campaña para min moi ilusionante. Presentarme a estas eleccións municipais supón falar de futuro, supón abrir unha nova etapa. O feito até o de agora feito está, e forma parte da historia da cidade. Estamos orgullosos, xunto cos pontevedreses, de ter escrito unha das páxinas máis brillantes da historia de Pontevedra”.
Tamén pediu o respaldo e o apoio dos pontevedreses e pontevedresas para “que me acompañen nesta nova etapa, para seguir avanzando e na que conseguiremos que Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos da vida municipal”.
Aseverou que “somos capaces. Creo nas nosas posibilidades, pero aviso a navegantes: hai perigo real de volta atrás porque todas as outras forzas políticas, dunha maneira ou doutra, están en contra do modelo Pontevedra”.
Paxión por Pontevedra