O líder do BNG aposta por tres liñas de actuación diferentes, que xirarán ao redor da conexión da cidade cos ríos e a ría, a recuperación histórica da Pontevedra mariñeira, e a procura dunha mellor calidade de vida para toda a veciñanza dos barrios
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá, desde o parque do Monte do Taco, ao carón da desembocadura do río Gafos, o proxecto Moureira. Trátase dun plan integral de recuperación e posta en valor de toda a fachada marítima e fluvial de Pontevedra.
«No seu día o barrio da Moureira foi un dos puntos máis activos e comerciais, sobre todo exterior, do que foi a Pontevedra dos séculos XV e XVI. Estaba situado desde a Ponte do Burgo até a Ribeira dos Gafos, e divídase no que poderíamos interpretar como tres Moureiras: a de arriba, a da Barca e a de abaixo», contextualizou o actual rexedor da cidade. «A idea que temos é recuperar e poñer en valor, mellorando toda a fachada marítima de Pontevedra, pensando na Pontevedra do século XXI, xa que durante os séculos XIX e XX foron enterrados todos os peiraos desde a Ponte do Burgo e até a desembocadura do Gafos».
O proxecto Moureira mira cara ao futuro «pero cos pés ben chantados na historia de Pontevedra». Así, Lores anunciou tres liñas de traballo diferentes á hora de facer actuacións que permitan facer realidade este proxecto.
A primeira destas liñas de traballo reúne actuacións para avanzar na conexión entre Pontevedra e os ríos (Gafos e Lérez) da vila e a ría, destacando nese sentido unha reforma integral da avenida de Bos Aires, que incluiría a cabeceira sur da Ponte do Burgo «permitindo achegar a cidade á beira do río Lérez». «A rúa Bos Aires é unha rúa verdadeiramente importante. Inclúe dous colexios, o pavillón da Universidade, o Mercado… É o paso obrigatorio para todas as persoas que se achegan ao campus universitario, á Xunqueira e ao Pazo de Cultura ou o Recinto Feiral».
Doutra banda, tamén se contempla a reforma integral da rúa de San Roque, conectando a Alameda co porto das Corbaceiras. «Cremos que a conexión da cidade co porto é substancialmente mellorábel desde o punto de vista da accesibilidade e da calidade urbana», sinalou o líder do Bloque Nacionalista Galego en Pontevedra.
«Se continuamos cara Marín, pelexaremos por e con todos os medios para que se remate o paseo da ría, ademais da construción do vial entre Rosalía de Castro e a avenida de Marín, que nos permitiría reformar toda a zona de Mollavao»
A segunda liña de traballo centraríase na recuperación da historia da Moureira, a historia da Pontevedra mariñeira. «Non vai ser posíbel recuperar os peiraos que están debaixo xa da avenida, pero si podemos un grande esforzo de musealización dos restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero. Queremos insistir e esixir que se faga a dragaxe do río Lérez, xa non só para coidalo, senón tamén para volver a navegar por el».
Xunto con todo isto, Lores tamén dirixe a súa aposta a traballar pola recuperación ambiental das beiras do Gafos, coa rehabilitación do muíño do Peilán e do lavadoiro de mesmo nome. «E tamén falamos duns traballos que me ilusionan especialmente, como sería o proxecto do Peirao das Corbaceiras. Un proxecto que recollería a través de estudos e documentos a divulgación da memoria e desa Pontevedra mariñeira, recuperando a toponimia, a historia da trama urbana, os oficios (especialmente os das mulleres) e os xogos populares dos cativos e cativas da época».
Por último, a derradeira liña, tentaría dotar a todo este barrio de mellor calidade de vida. «Inclúo proxectos xa elaborados, como a rúa Almirantes Matos, ou outras reformas integrais xa nomeadas. Tentaremos reformar e abordar ao norte as rúas Fonte da Moureira, rúa do Ouro, Cornelis de Holanda e o ensanche ao redor do Campo da Torre, con especial interese na recuperación da rúa Juan Villaverde, feita con escaleiras en pedra».
«En resumo, falamos dun proxecto que nace de Pontevedra, da mellor historia da cidade, partindo da realidade actual. Non pode seguir vivindo de costas ao río Lérez e a súa historia máis dinámica. Quero como alcalde avanzar e avanzar. Quero que a cidade siga sendo un referente, por iso debemos avanzar cos pés na terra, e para isto temos proxectos concretos e solucións realistas que queremos que sexan para avanzar, avanzar e avanzar».