XPO logo

Lores propón avanzar na “Pontevedra do futuro”con actuacións “moi ambiciosas e realistas”

O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a portavoz nacional do BNG protagonizaron esta tarde o mitin central na praza da Ferraría ante centos de persoas

O candido lembrou que BNG é marca dun goberno ético e que ten ilusión para abrir unha nova etapa no concello

Advertiu que “nada se pode dar por gañado” e pediu o voto de todas as persoas que queren que Pontevedra siga medrando”

A Ferraría acolleu esta tarde o mitin central do BNG á Alcaldía de Pontevedra coa presenza do candidato Miguel Anxo Fernández Lores e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ante centos de persoas que ateigaron a praza central da cidade para escoitar as propostas de futuro para que Pontevedra avance, e dar o seu aplauso ao candidato.

O acto presentouno a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez seguida da número dous da candidatura de Pontevedra polo BNG, Eva Vilaverde que se dirixiu aos presentes lembrando que  “Lores está no seu mellor momento“, e fixo mención a “unha gran coalición para impedir que Lores e o BNG fagan avanzar Pontevedra”. “Pois que saiban que non lles temos medo – advertiu Eva Vilaverde-, que estamos seguros que entre avanzar cara o futuro con Lores e o BNG, ou volver a aquela Pontevedra rancia e retrógrada, Pontevedra vaino a ter claro, vai optar polo futuro, vai elixir Lores e BNG”.

O candidato á Alcaldía Miguel Anxo Fernández Lores recodou que a marca BNG é garantía “dun dun goberno ético, honrado, serio e solvente. Dun goberno que fixo o que prometeu e que nunca enganou aos votantes”. 

Lembrou que se presenta á Alcaldía “co aval de ter conseguido transformar unha cidade gris, triste, enferma, difícil para vivir, nunha cidade amábel, dinámica, segura,  accesible, respectuosa co medio”. E aplaudiu a entrega dos pontevedreses e pontevedresas porque “entre todas e todos logramos que a nosa Pontevedra sexa un referente no mundo”.

Fixo alusión aos “saboteos” da Xunta e do Estado en proxectos como o paseo a Marín, o by-pass de Mollavao, o dragado da ría ou a vairante de Alba. “Nos podemos presentarnos cos deberes feitos, con avances de Pontevedra a un ritmo nunca visto, mentres outras forzas políticas sabotean o avance de Pontevedra.  Que mal lle fixo Pontevedra para merecer ese desprezo??”, se preguntou.

Cos deberes feitos de anos de impulso da cidade, Lores afirmou que “quero abrir unha nova etapa en Pontevedra. Preséntome porque estou no mellor momento da miña vida política, coa serenidade e coñecemento que da a experiencia, pero con máis ilusión que nunca para esta nova etapa, este novo ciclo a 8-10 anos. Estou namorado até as trancas de Pontevedra, sinto verdadeira paixón por Pontevedra, e o amor e a paixón dan ilusión, dan empuxe, fan pensar no futuro”.

Entre as ilusións desta nova etapa están a mellora da calidade de vida do rural e da zona urbana, equidade no trato veciñal, ampliar a referencia mundial de Pontevedra noutros ámbitos, máis dinamismo social, económico, cultural e deportivo; poñer en valor o patrimonio; ver Santa Clara, a ría, a Xunqueira de Alba, o monte a pleno rendemento; a variante de Alba, o remate do paseo a Marín, a remodelación do Nó de bombeiros, a variante de Mollavao, a circunvalación; unha ecoloxía de vangarda; o Museo de Pontevedra convertido no Museo nacional de Galicia.

Fixo alusión ao que “o resto de candidaturas mostran unha total carencia de proxecto” e advertiu de que “teñen unha obsesión que é frear e darlle a volta atrás a este modelo Pontevedra que construímos entre todas, que tanto éxito ten e que tanto irrita á dereita máis rancia e señoritil”. Polo que reduciu as opcións nesta campaña a dúas: “mirar para o futuro e avanzar, que é o que propón o BNG, ou a volta atrás, que é o que propoñen as demais candidaturas“.

Na súa intervención, Miguel Anxo Fernández Lores abordou a “orixinal e brillante” solución ás zonas de baixas emisións evitando comprar coches con etiquetas verdes ou coches eléctricos xa que “os que non poidan pagar eses cartos, non poderían facelo”. Tamén fixo referencia ao novo PXOM que o resto de forzas políticas queren poñer en marcha “adaptado ao modelo da Xunta do PP, ou sexa, coches e máis coches, volver atrás o modelo urbanístico de Pontevedra. E tanto no rural como no urbano a metade dos soares nos que agora se pode edificar quedarían sen poder edificarse”.

Tamén incluíu o dinamismo económico no seu discurso lembrando que Pontevedra “é o maior foco urbano creador de emprego de toda a provincia. Sobre 27.000 persoas dormen noutros concellos e veñen traballar a Pontevedra”, e recordou que outras cidades desprazaron a industria pesada como Ence pero “os demais néganlle esa posibilidade a Pontevedra, moléstalle que a Pontevedra lle poida ir ben”.

Os redutores de velocidade que “incluso a Xunta” copia, a compostaxe tamén asumida por outros concellos e mesmo pola Xunta “o PP de Pontevedra sóbese con unha picaraña a eles para mostrar a súa oposición frontal. Non soportan que Pontevedra avance”.

Fernández Lores tamén recordou o posicionamento frontal do PP á compra de Santa Clara, cando hoxe “votaron en contra de que a Deputación invista 8 millóns de euros na rehabilitación dos edificios do Museo da praza da Leña”.

“Fronte ás outras forzas políticas que propoñen frear o avance e dar abertamente unha volta atrás no modelo, o BNG propón máis modelo Pontevedra, máis avanzar cara o futuro, máis por vir. Propón avanzar na Pontevedra do futuro, con actuacións moi ambiciosas, pero realistas e con coñecemento da súa viabilidade e das súas consecuencias, avanzar con solucións xenuínas e adaptadas a nosa realidade”, afirmou o candidato.

Rematou facendo un chamamento “ás persoas que lle queren a Pontevedra, que poñen o seu cariño a Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas. Ofrézolle coa man tendida un proxecto común e integrador para toda Pontevedra e quero que saiban que poden ter confianza que, entre todas e todos, lograremos os soños que ambicionamos“.

Tamén advertiu de que “nada, absolutamente nada está gañado, todo está por gañar. Non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra“.

Ana Pontón

Pola súa banda a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón recalcou que Pontevedra é exemplo do BNG, de como “é capaz de sumar ao seu modelo municipal a cada vez máis amplas capas da sociedade, transformar e facer avanzar un concello, unha cidade, a un ritmo rápido e positivo”.

“Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca, vexo en Lores e nas persoas da candidatura ilusión e entusiasmo desbordante e cada vez que veño aquí énchenme a cabeza de ideas, proxectos e actuacións de futuro, case nunca me falan do logrado senón do porvir, de máis porvir para Pontevedra”, confesou.

A clave dese entusiasmo, “é o seu amor a Galiza e a Pontevedra, e a súa confianza na sociedade pontevedresa, convencidos e convencidas de que o que hai que facer é avanzar, avanzar e avanzar”, recalcou na súa intervención. “Lores e o seu grupo pensaron e pensan Pontevedra en grande, igual que eu penso unha Galiza en grande e o meu soño é facer realidade esa Galiza en grande como se está a facer en Pontevedra”, destacou.

Instou a mobilizarse, a non perder ningún voto a favor de Pontevedra, “porque nada está gañado, todo está por gañar e temos todas as papeletas para gañar pero hai que traballalo, non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra, hai que traballar e conseguir até o último voto”, recalcou Pontón, concluíndo a súa intervención expresando a súa esperanza e convencemento “de que dentro de pouco tempo poidamos empezar a construír unha Galiza en grande, pero para iso temos que encher as urnas o día 28 de Maio”.

Paxión por Pontevedra

Compartir: