O candidato á Alcaldía polo BNG explica que a creación dun PXOM con base na lei 2/2016 significaría «destruír o modelo da cidade» ao recortar até a metade o número de vivendas que poden ser construídas
Non só se reducirían os terreos edificábeis, senón que terían que ser construídos carrís para vehículos máis anchos e beirarrúas máis pequenas en toda a Boa Vila
O candidato á alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá perante os medios de comunicación para ofrecer algunhas conclusións derivadas das propostas que as diferentes forzas políticas foron esgrimindo ao longo da campaña. O líder do BNG quixo subliñar unha en concreto, en relación coa creación dun novo PXOM para a cidade, un feito que «se cargaría o Modelo Pontevedra».
«Teño que dicir que cada día que pasa vexo con máis claridade o perigo dunha volta atrás cara a Pontevedra do século pasado se o BNG non acada a forza suficiente para seguir facendo avanzar este municipio», indicou Lores. «Non teño ningunha dúbida: o resto das forzas políticas existentes están facendo propostas para cargarse o Modelo Pontevedra e nese sentido a proposta dun novo PXOM é especialmente significativa».
Tal e como contextualizou o actual rexedor da cidade, Pontevedra é hoxe unha cidade compacta, multiservizo, con edificación en altura e cunha edificabilidade pendente de executar que permite manter unha oferta de construción de vivenda que non estrangula o mercado, un feito que podería producirse de verse reducido este elemento, o que derivaría nun aumento no prezo da vivenda e unha fuxida da veciñanza procurando fogares máis asumíbeis a nivel económico noutros lugares.
«O Plan de 1989 é un plan flexíbel, que nos permite seguir desenvolvendo o Modelo Pontevedra mesmo con modificacións puntuais. Podo lembrar que este modelo é un modelo premiado pola ONU, por Nova Iorque… falamos dunha cidade cun deseño que está na vangarda a nivel mundial», continuou Lores. «O actual PXOM está redactado para adaptarse a lei en vigor no ano 1989, a 1/1987, que permitía un modelo urbanístico radicalmente diferente do que propón a lei 2/2016 do Solo de Galiza, actualmente en vigor. En román paladino: coa lei do 87 e, en consecuencia, co PXOM de Pontevedra, podemos desenvolver o noso modelo; redactar un novo PXOM, que necesariamente ten que adaptarse a lei do 2016, significaría destruír o Modelo Pontevedra»
O líder do BNG quixo deixar claro que estas afirmacións non son unha esaxeración, sinalando que o actual PXOM permite unha cidade densa e compacta, intensiva a nivel edificatorio, «a que mellor combina a defensa do territorio», o acceso aos servizos e a mobilidade activa peonil e ciclista. A nova lei, a construción dun novo PXOM coa nova lei, obrigaría a unha ocupación da edificación por debaixo do 25 % do territorio, xerando unha dispersión absoluta e espallando a cidade.
Doutra banda, Lores sinalou que o actual PXOM ten aínda 21.000 vivendas para construír no rural e no urbano. A redacción dun novo documento desta clase recortaría este número até a metade, polo menos ate ás 12.000, tal e como figuraba no informe da Xunta de Galiza que parou no seu momento a redacción dun novo PXOM. «Un auténtico estrangule ao mercado do solo de consecuencias gravísimas no acceso á vivenda».
Ademais, o actual modelo basea a súa proposta en beirarrúas que teñen como mínimo 2,5 metros, unha medida que permite «o cruzamento de dous cochiños de bebé, dous andadores ou dous paraugas». Tamén se constrúe con carrís de menos de 3 metros para a circulación, mais a Lei do Solo de 2016 impón carrís de 3,5 metros para vehículos, como os das autoestradas, e beirarrúas de 2 metros; o que priorizaría o tráfico rodado tanto no rural como na cidade.
«En definitiva, quen propón un novo PXOM está propoñendo unha volta atrás para Pontevedra, unha volta atrás cara a Pontevedra do século pasado e reducir á metade os terreos edificábeis», finalizou o candidato. «No BNG non temos a máis mínima dúbida e nós imos ser inflexíbeis neste asunto: manter o PXOM actual con todas as modificacións que sexan precisas é a mellor maneira de avanzar, avanzar e avanzar co Modelo Pontevedra”.
Paxión por Pontevedra