O alcalde de Pontevedra presentou esta proposta na Praza de San Xosé acompañado da directora da escola de moda Esdemga, Lola Dopico, e a arquitecta Teresa Táboas
Lores: «É unha aposta arriscada, pero moi ilusionante. É un paso natural se temos en conta o esforzo e os logros acadados durante estes anos en relación co mundo da innovación e a creatividade»
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta mañá, coincidindo co Día Mundial da Creatividade, a proposta de traballar pola creación dunha bienal da creación e o deseño contemporáneo. «É unha aposta arriscada, pero moi ilusionante. É un paso natural se temos en conta o esforzo e os logros acadados durante estes anos, tanto polo Concello como polas empresas locais, en relación co mundo da innovación e a creatividade».
Para este anuncio, o actual rexedor da cidade de Pontevedra contou coa presencia da directora da escola de moda Esdemga, Lola Dopico, e a arquitecta Teresa Táboas, que traballan na concepción e posta en marcha deste proxecto desde este intre. Na Praza de San Xosé e o seu monumento como testemuña, fronte ao emblemático Café Moderno, símbolo histórico e intelectual da Boa Vila, Lores quixo sinalar que tanto Teresa como Lola «son a imaxe dos nosos tempos, grandes profesionais, de carreira exitosa, independentes, influentes… son unha clara mostra do que Pontevedra é capaz. Son a Pontevedra de hoxe».
«Para seguir celebrando Pontevedra temos que avanzar como fixeron aqueles homes e mulleres que soñaron cunha Pontevedra diferente, nunha capital da vangarda e do pensamento. Temos a obriga de recoller aquela testemuña e avanzar na consolidación de Pontevedra como capital da creatividade», sinalou o líder do BNG local. Así, a Bienal de Pontevedra, centrada na creación e no deseño contemporáneo, é unha proposta e un proxecto transversal, que vai desde a cidade ao rural, desde a empresa aos autónomos, desde a historia até a innovación, ou do privado ao público. «Queremos contar con expertos e referentes, investigadores e artistas, pensadores… pero tamén as nosas xentes. As experiencias locais terán un especial protagonismo pola súa singularidade e o seu éxito. Será colector de conferencias, charlas, exposicións, debates, residencias artísticas e creativas, e espazos de investigación. Toda a cidade será o seu escenario: o Pazo, o Teatro, as rúas, as prazas, os locais sociais do rural… Insisto, será un evento transversal que fará que Galiza e o mundo enteiro miren cara Pontevedra».
Lores cualificou esta bienal como un soño «que entre todos e todas podemos facer realidade», lembrando a capacidade da Boa Vila para sacar adiante grandes proxectos, propostas e éxitos internacionais más que recoñecidos. «Queremos recuperar a Bienal de Pontevedra, a máis antiga do estado. Queremos recuperala e adaptala aos tempos que vivimos. Xa o dixo onte, en Urbtopías, David Sim: ‘Pontevedra é unha forma de ser, unha forma de vivir… Pontevedra é un estilo de vida».
Pola súa banda, Teresa Táboas indicou a creación desta bienal sería «un soño cumprido». «Esta proposta que fai o alcalde pode ser un dos grandes momentos que teñen as cidades, dos momentos históricos que as mudan; igual que o foi no seu día apostar por un modelo urbano de seu», explicou. «Coller a bandeira da bienal, desa primeira bienal que tivo o Estado español, recuperala e converter Pontevedra no centro referente do mundo ao redor da creatividade sería unha sorte, un soño que imos facer e que porá a Pontevedra no mellor sitio do mundo, porque así o merece. A xente que estivo nese Café Moderno do que falaba o alcalde, soñando cunha Pontevedra mellor, estaría orgullosa».
Así mesmo, Lola Dopico lembrou que o deseño «non é so pensar nas cousas bonitas, senón que é pensar nas necesidades, pensar coa cidadanía, escoitar ao outro e atopar estruturas de mediación. Iso é o bo deseño en todos os eidos, no téxtil ou no urbanismo. O deseño facilita a vida, faina máis sinxela. Ese non sei que que non se aprecia a primeira vista. Non é decoración, é pensamento».
Dopico sinalou que o deseño se leva aplicando de xeito sistemático na cidade de Pontevedra, «tal e como son as boas cousas». «Pontevedra está pensada, por iso debemos seguir ese camiño. Temos espazos e axentes culturais referenciais. Temos facultades que converxen no modelo de Pontevedra, e medrarán xunto coa cidade. É o momento de retomar proxectos e lanzalos nun contexto actual e contemporáneo, o da cidade de Pontevedra de agora».
Paixón por Pontevedra