Bo día a todas e todos, grazas de todo corazón por vir e estar aquí. Convoqueivos hoxe aquí para resolver unha dúbida que me formulastes algúns de vós e moitas persoas pola rúa. Convoqueivos para anunciar que
Tomei a decisión de presentarme ás vindeiras municipais de 2023 cun proxecto a medio prazo
Antes de nada, como me sinto?
Tanto desde o punto de vista físico, como do anímico e familiar síntome ben, diría que máis que ben. E dende o punto de vista político podo asegurar, sen ningunha dúbida, que me atopo no mellor momento dende que son Alcalde de Pontevedra.
Como vexo Pontevedra?
Como unha cidade marabillosa, na que as veciñas e veciños de Pontevedra responden aos retos colectivos máis avanzados como ningunha outra cidade, cando menos das que eu coñezo. Pontevedra é capaz de lograr metas que outras cidades do mundo a duras penas imaxinan. Pontevedra é unha cidade enorme de ilusión, de ambicións colectivas. Pontevedra é un exemplo de veciñas e veciños esixentes, pero con paixón por mellorar, por avanzar.
Como está a ser este mandato?
Esta a ser un mandato difícil e duro, pero á vez moi ilusionante, diría que apaixonante.
É un mandato difícil pola COVID, polo enorme sufrimento da sociedade dende o punto de vista sanitario, social, económico e psicolóxico.
Por se non chegara de sufrimento, xuntouse co sufrimento que trouxo a tremenda inflación.
Esta a ser un mandato duro pola ofensiva das forzas escuras, de Pontevedra e fóra de Pontevedra, contra os avances de Pontevedra especialmente nos ámbitos ambiental e de modelo de cidade.
Pero este mandato está a ser ilusionante, pola cantidade de proxectos de futuro que se botaron a andar. Non vou facer un relatorio de todos eses proxectos, pero permitídeme que faga unha referencia especial á Santa Clara, unha inmensa ilusión compartida por toda Pontevedra.
Cada un é como é, e eu son como son. Na miña vida tiven que superar moitas dificultades. Pero as dificultades sempre me motivaron, sempre me fixeron dar o mellor de min.
Resolver os problemas do día a día danme unha grande satisfacción, pero poñer en marcha proxectos avanzados de futuro xérame ilusión, unha enorme ilusión.
Por iso estou máis motivado ca nunca, porque as dificultades son grandes, e máis ilusionado ca nunca porque están en marcha moitos proxectos de futuro.
Pensei moito sobre volver a presentarme. Dinlle voltas e máis voltas. Cheguei a ter a sensación de estar nun bucle, no que non tiña claro nin se si, nin se non, nin se todo o contrario.
Tiña que saír do bucle e hai aproximadamente un mes, comenteino co Grupo, déronme o seu apoio e, tan atinados coma sempre, recomendáronme que me fixera a min mesmo a seguinte pregunta:
A ver Migueliño, de corazón, se fose para presentarte por primeira vez, atópaste co empuxe, con ilusión e con ideas e proxectos para facelo con todas as garantías?
A resposta foi un si sen sombras nin matices. Polo tanto, preséntome, é dicir, póñome a disposición do BNG para que tome a decisión.
Puxen unha única condición:
Presentarnos pensando en executar un proxecto a 8-10 anos vista, pois non sería capaz, sentiríame moi incómodo cun proxecto a curto prazo. Se fose sen unha perspectiva de futuro a máis longo prazo, teríame costado moito tomar a decisión de presentarme. É a única condición que puxen e estou convencido de será compartida.
Como quero presentarme ante a cidadanía?
Evidentemente, quen ten a última palabra é a cidadanía de Pontevedra, pero eu quero presentarme ante ela coas ideas claras, seguro do que propoño e con un horizonte temporal definido. Nunca dixen o que non sentía nin prometín o que non estaba seguro de poder cumprir e así quero que sexa tamén esta vez.
Preséntome para abrir unha nova etapa
Polo tanto, esta decisión miña leva aparellada falar de futuro, de abrir unha nova etapa a partires de 2023. O feito en anteriores etapas, feito está, xa é pasado, xa forma parte da historia da cidade, creo que brillante e orgullosa, e servirá de punto de partida para traballar nesta nova etapa.
Abrir unha nova etapa con novos retos, con novas propostas, con renovadas ilusións, unha nova etapa con fresca e entusiasta paixón por gañarmos o futuro.
Como vai ser a campaña?
Sei que vai ser a campaña máis dura e marrulleira das que tiven que enfrontar. Sufriremos unha campaña soterrada de infundios e maledicencias, sufriremos fiscalías e xulgados, cando non escraches ou agresións físicas. As forzas escuras xa están aplicando esas noxentas prácticas e o previsíbel é que aumenten cando se acheguen as eleccións. Non vai ser unha campaña nada fácil; vai ser unha campaña áspera e difícil.
Para esta nova etapa que queremos abrir, propóñolle a cidadanía de Pontevedra os seguintes retos, os seguintes soños:
O soño de ter unha cidade e un rural de elevada calidade de vida,
O soño de que todas as veciñas e veciños de Pontevedra sexan tratados coa máxima equidade
O soño de lograr que Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos
O soño de estimular e aproveitar a explosión de creatividade
O soño dun concello con un grande dinamismo social, económico, cultural e deportivo
O soño de poñer en valor todas as nosas potencialidades
O soño de ver Santa Clara, A Ría, A Xunqueira, o Monte, a pleno rendemento
O soño dunha nova xeira de infraestruturas e de ver rematada a Circunvalación
O soño dunha ecoloxía urbana de vangarda, da economía circular e de outras medidas contra o cambio climático
Estou convencido de que merece moito a pena loitar por estes soños colectivos, esforzarse por conseguilos.
Estes soños merecen a nosa implicación, merecen “saír da zona de confort” e comprometerse con esta marabillosa cidade. Estes soños merecen a implicación de todas as persoas que lle queren de verdade a Pontevedra e, polo tanto, a miña implicación e o meu compromiso.
Con paixón por Pontevedra, con toda a paixón por Pontevedra, preséntome ás vindeiras municipais de 2023 cun proxecto cun horizonte de 10 anos.