XPO logo

Lores transformará o muíño do Gafos no Centro de Interpretación Tecnolóxico da Auga

O novo equipamento municipal tería un carácter didáctico, co fin de achegarlle ás crianzas todo o patrimonio material e inmaterial relacionado coa auga

O candidato á alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá o proxecto para a creación dun Centro de Interpretación Tecnolóxico da Auga no que hoxe é coñecido como o Muíño do Gafos, situado no parque homónimo.

«Pontevedra é unha cidade que ten uns recursos naturais inmensos», explicou o líder do BNG en Pontevedra. «Hoxe quero centrarme na auga, pero especialmente dos leitos, dos ríos, das fontes, das pontes, dos muíños… De todo ese patrimonio material e inmaterial que hai ao redor destes elementos».

O actual rexedor da cidade lembrou que sobre os muíños mesmo hai cantigas que reproducimos e conservamos no legado popular. «A idea que presento hoxe é o compromiso de crear un Centro de Interpretación Tecnolóxica da Auga», indicou.

O escenario escollido para o anuncio non foi casualidade. A contorna do Gafos non sería a mesma sen a presencia do Muíño do Gafos, de titularidade municipal, que configura un espazo natural único na cidade, onde se situaría este novo centro de interpretación. «Ningunha cidade que se prece pode desprezar todo ese patrimonio arqueolóxico e natural que hai ao redor da auga. A auga en un ben de interese público, un ben que, afortunadamente, na Galiza, nas Rías Baixas, en Pontevedra… temos moita dela, mais temos que coidala».

Deste xeito, o Centro de Interpretación Tecnolóxica da Auga funcionaría, dunha banda, como un recurso didáctico a usar polas crianzas dos centros escolares da cidade e do municipio, facilitándolles ese coñecemento sobre a auga e a súa importancia como ben natural. «Contamos até 100 leitos de tamaños diferentes no concello. Queremos que a rapazada poida coñecelos, facendo unha catalogación exhaustiva, incluíndo pontes, muíños... É unha cultura que debe ser promovida e facer chegar a todos os nenos e nenas e sensibilizar, dando a coñecer que a auga é un elemento finito. Temos moita auga, mais xa comprobamos como no último verán a situación non foi boa».

Lores subliñou que o Concello de Pontevedra vén traballando neste terreo de xeito continuo ao longo dos últimos anos, ao respecto do ciclo da auga, e este centro de interpretación sería un chanzo máis nese sentido. «No novo equipamento tamén teremos unha parte tecnolóxica que permitirá coñecer a tempo real o consumo da auga, a capacidade de almacenamento, a calidade dos recursos naturais… Temos un proxecto avanzado e o compromiso para este próximo mandato e darm os pasos para convertelo nunha realidade».

Panel Rios30
Miguel Anxo Fernández Lores.

Paixón por Pontevedra

Compartir: