O alcalde da cidade e candidato á Alcaldía polo BNG indicou que tamén será mellorado o espazo público e a mobilidade amábel, se instalará unha nova xeira de equipamentos, ampliaranse e achegaranse os corredores verdes do Lérez, reformarase o centro social do barrio, crearase a Mesa por Monte Porreiro e será denominado como un Entorno Residencial de Rehabilitación Programada
O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá de venres, desde o barrio o Monte Porreiro, a proposta ‘MP30’, un plan de transformación integral integrado por diferentes actuacións en diferentes espazos. «Teño un especial e persoal interese á hora de poñer en valor as inmensas potencialidades que ten Monte Porreiro e non vou parar até conseguilo. Este plan supón avanzar para acadar melloras que o barrio precisa e lograr a calidade de vida que merece».
En primeiro lugar, Lores quixo sinalar a futura realización de melloras no referido á mellora do espazo público e da mobilidade amábel, priorizando as zonas máis sensíbeis como poden ser os centros educativos, sanitarios, culturais ou deportivos; poñendo como exemplo a reforma realizada na rúa Suecia, onde está o CEIP Marcos Portela.
Doutra banda, apostarase por mellorar e ampliar os corredores verdes do Lérez, abrindo máis Monte Porreiro ao río, aos seus bordes, permeabilizando e achegando á senda do Lérez á trama urbana, eliminando especies invasoras e facendo plantacións de árbores autóctonas.
Tamén será instalada unha nova xeira de equipamentos, que estarán situados no barrio, pero que servirán e serán usados por toda a cidade, «igual que se fixo coa praia fluvial no seu día, cos paseos do Lérez ou como as instalacións deportivas». «Queremos mellorar a contorna do campo de rugby e de fútbol, como é a zona do aparcadoiro. O máis salientábel neste eido deportivo é, sen dúbida, a construción do novo pavillón de tenis de mesa de Monte Porreiro, que está en fase de elaboración para a súa posterior execución, e que servirá, ademais de para o club do barrio, tamén será usado como Centro de Tecnificación da Galiza».
Dentro dos actuacións incluídas en MP30, aparece a reforma integral do centro social do barrio. «Un centro de última xeración que pasado o tempo precisa adaptarse aos novos tempos, cunha mellora no rendemento e na eficiencia enerxética, con novas estancias comúns e novas tecnoloxías».
Ademais, dentro das diferentes propostas, Lores quixo subliñar e destacar a creación e construción dun gran auditorio ao aire libre preto do actual miradoiro de Monte Porreiro. «Terá capacidade suficiente para seguir avanzando na oferta cultural e musical que ten Pontevedra durante todo o ano», indicou. «Neste espazo hai espazo suficiente para facer ese auditorio, unha necesidade de toda a cidade, sendo Monte Porreiro o espazo máis axeitado para acollelo».
Tamén se definirá o barrio como un Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP), tal e como se coñecen os ARI na actualidade, aumentándose a Oficina de Rehabilitación e o seu programa até Monte Porreiro, ademais do Centro Histórico e Estribela, podendo optar a súa veciñanza a subvencións para a mellora das vivendas.
Por último, Lores indicou a creación da Mesa por Monte Porreiro, un novo órgano de comunicación para establecer contactos directos e continuados con todas as entidades asociativas do barrio e os sectores máis dinámicos do mesmo, «xa que coma min cren nas posibilidades desde barrio de Monte Porreiro, un barrio integrado, que ten moito futuro e que precisa seguir avanzando. Imos logralo sen ningún tipo de dúbidas»