LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

De todos xeitos, nesta altura do século XXI, algunhas instalacións precisan ser acondicionadas ás novas necesidades que foron xurdindo dende a súa posta en funcionamento e é preciso acomodalas ás demandas sociais, cada vez máis elevadas e que serven para manter Pontevedra na vangarda. Para o próximo mandato son obxectivos do BNG: • Mellorar a rede equipamentos sociais e deportivos adaptándoos ás demandas sociais e ás necesidades actuais cos máis avanzados estándares de calidade. • Reforzar o mantemento das instalacións municipais, dado que o seu uso fai que se produza un inevitábel desgaste. GRANDES DOTACIÓNS: SANTA CLARA E O MUSEO NACIONAL DA GALIZA Hoxe en día xa pasaron os tempos en que se propuñan, e mesmo se executaban, novas dotacións faraónicas, sen pensar nos recursos públicos necesarios nin nas repercusións no territorio, sen ver que en moitos casos os recursos xa existían e só era preciso repensar os seus usos. As consecuencias vense en todas as cidades. En Pontevedra algúns dos edificios que estaban abandonados, vítimas destas dinámicas perversas, afortunadamente están rehabilitados e con novos usos. Eis os casos do edificio da Xunta da rúa Benito Corbal ou antigo cuartel da Garda Civil. Outros edificios xa se renovaron, caso da Estación Intermodal que ten unha nova vida por diante, e outros, como acontece co Hospital de Montecelo, están a ser ampliados para responder ás necesidades actuais. De todos os xeitos, aínda queda moito por facer tamén neste ámbito, como demostra o estado do antigo Edificio de Hacienda, unha mostra no medio da cidade dos esquecementos do goberno do Estado con Pontevedra. O Concello de Pontevedra, da man do BNG, negociará co resto das administracións (Deputación, Xunta, Estado, Universidade de Vigo . . .) para buscar unha nova vida aos edificios que poidan estar sen uso ou infrautilizados, optando sempre por equipamentos e dotacións o máis integrados posíbel na cidade e coas solucións económicamente máis sustentábeis, de carácter público e que non estraguen territorio innecesariamente. A incorporación do Convento de Santa Clara á vida cidadá é o principal reto que temos por diante como sociedade e vai marcar o devir da Pontevedra dos vindeiros decenios.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=