LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

CARTA DO ALCALDE MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES Pontevedra é unha cidade marabillosa, na que as veciñas e veciños responden aos retos máis avanzados como ningunha outra cidade, cando menos das que eu coñezo. Pontevedra é capaz de lograr metas que outras cidades do mundo a duras penas imaxinan. Pontevedra é unha cidade enorme de ilusión, de ambicións colectivas. Pontevedra é un exemplo de veciñas veciños esixentes, pero con paixón por mellorar, por avanzar. Por isto estou cada vez máis namorado de Pontevedra e máis ilusionado por traballar para avanzar no futuro do noso concello. Atópome no mellor momento dende que son Alcalde de Pontevedra. Quero facer un recoñecemento e mostrar o meu agradecemento ás persoas, ás familias, ás empresas e ao funcionariado, á sociedade pontevedresa no seu conxunto pola súa actitude, pola súa disposición, creo que podo dicir pola súa valentía á hora de confrontar tanto a COVID, que tanto sufrimento trouxo e da que a sociedade pontevedresa se levantou con un vigor que me fai estar moi orgulloso, como a crise de prezos, polas dificultades económicas que trouxo á persoas, familias, empresas e administracións, e que tamén afrontamos como sociedade coa decisión, a valentía e a vitalidade que caracteriza á Pontevedra. Á maioría da sociedade pontevedresa, e a min en particular, as dificultades dannos motivación, fannos dar o mellor de nos mesmos. Non hai dificultades ou trabas que nos poidan quitar a ilusión dun futuro mellor, as ansias de avanzar. Ante as dificultades, máis ilusión, máis entusiasmo, máis empuxe, máis proxectos de futuro. Nunca dixen o que non sentía nin prometín o que non estaba seguro de poder cumprir e así quero que sexa tamén esta vez. Preséntome pensando en executar un proxecto a 8-10 anos vista, que nos permita dar un grande salto adiante, pensando en avanzar, avanzar, avanzar cada vez con máis ritmo. Quero que entre todas as persoas que lle queremos a Pontevedra abramos unha nova etapa a partires do 28 de maio de 2023. O feito en anteriores etapas, feito está, xa forma parte da historia do concello, creo que brillante e orgullosa, e servirá de punto de partida para traballar nesta nova etapa.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=