LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

3.A. MOBILIDADE E SEGURANZA VIARIA Cando no ano 1999 se retiraban os vehículos do centro histórico ou cando no ano 2003 se colocaba o primeiro redutor físico da velocidade nas Corvaceiras, Pontevedra comezaba a dar os primeiros pasos dun camiño de éxito que hoxe ten o noso concello convertido nun referente mundial, tal e como acreditran os numerosos premios e recoñecementos recibidos e, sobre todo, polo éxito colectivos de non padecermos ningunha morte por violencia viaria nos últimos 12 anos. Entregar a cidade aos vehículos, ás súas “necesidades” de mobilidade e estacionamento, provocou nas cidades importantísimos problemas de inseguridade, de contaminación ou de falta de autonomía para as crianzas e as persoas de máis idade. Ademais, é un factor importantísimo para acrecentar a crise climática cuxos efectos padecemos a cada día de xeito máis agudo. Os problemas de contaminación e a emerxencia climática, están obrigando a moitísimas cidades de todo o mundo adoptar medidas extremas, agresivas e discriminatorias para solucionar os problemas que Pontevedra sabe abordar mellorando a calidade de vida das súas veciñas e veciños. Neste sentido, nos vindeiros anos, o principal reto que van ter que enfrontar as cidades de máis de 50.000 habitantes de todo o Estado é a implantación das Zonas de Baixas Emisións e van ter que facelo cunha lexislación moi restrictiva que aposta nun modelo discriminatorio pola esixencia de investir na renovación dos vehículos e no pagamento dunha peaxe por circular ou estacionar, coas consecuencias obvias para as rendas medias e baixas e para o comercio de proximidade. Eis a disxuntiva que se formula nos vindeiros anos: ou avanzar cun modelo de éxito como o de Pontevedra ou recuar cara un modelo no que os vehículos de quen poidan pagar invadan outra vez o espazo das persoas. Neste contexto onde Pontevedra é unha das moi poucas cidades do Estado co seu PMUS aprobado e a súa ZBE xa deseñada e ratificada, o BNG propón os seguintes obxectivos para avanzar: • Garantir unha mobilidade equitativa - que non esixa investimentos nin o cobramento de peaxes por circular ou estacionar en ningunha zona do concello. - que trate igual o centro, os barrios e as parroquias.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=