XPO logo

Lores pide o voto “aos lle queren a Pontevedra por enriba de intereses, afinidades, compadreos e siglas”

O candidato á Alcaldía e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores contou co apoio da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón na súa declaración pública de peche de campaña, acompañado de boa parte dos integrantes da súa candidatura e ante a Casa Consistorial.

Lembrou que “o BNG é garantía dun goberno que fixo o que prometeu”, fronte a alternativas “que anegaron a campaña de promesas incumpríbeis” ou que teñen “sabotado Pontevedra”

Afirmou que “nada, absolutamente nada está gañado. Todo está por gañar, non se pode perder nin un voto”.

O candidato á Alcaldía polo BNG e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores contou esta mañá co respaldo da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón para o peche de campaña, nunha declaración pública na rúa ante o edificio da Casa Consistorial. Acompañado de boa parte dos integrantes da súa candidatura, pediu o voto “ás persoas que lle queren a Pontevedra, que poñen o seu cariño a Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas. Ofrézolle coa man tendida un proxecto común e integrador para toda Pontevedra e quero que saiban que poden ter confianza que, entre todas e todos, lograremos os soños que ambicionamos para o noso futuro, para o noso porvir“.

Lores manifistou que “o BNG ten demostrado ser a única garantía dun goberno que fixo o que prometeu e que nunca enganou aos votantes. Eu nunca dixen o que non sentía nin no BNG prometemos o que non estábamos seguros de poder cumprir. Así o fixemos até agora e así o faremos no futuro”.

En relación ao resto de forzas políticas que se presentan nesta cita electoral, indicou que “anegaron esta campaña de promesas e máis promesas, a inmensa maioría incumpríbeis. Como dixera o finado de Fraga, solo lle faltou prometer un “pisito” no Caribe para todas e cada unha das persoas que votan en Pontevedra”.

“Nós temos o aval de térmonos adiantado décadas aos problemas e ter conseguido darlle solucións innovadoras, sendo pioneiros a nivel mundial. O aval de lograr que a nosa Pontevedra sexa un referente no mundo, que as demais cidades miren con admiración para nós e queiran imitar as nosas solucións e a nosa calidade de vida”, manifistou o candidato do BNG.

Fronte a esta iniciativa, Fernández Lores aseverou que “os demais teñen a pesada lousa de ter sabotado a Pontevedra, de ter sabotado o paseo a Marín, de ter sabotado o vial de Mollavao e a actuación en Mollavao e Rosalía de Castro, de ter sabotado o dragado da ría, de ter sabotado a variante de Alba, de faltarlle a Pontevedra co ritmo de tartaruga enferma da circunvalación, de sabotar a liberación da Xunqueira de Alba“.

“Os demais teñen a pesada lousa de estar en contra do modelo de calidade de vida de Pontevedra e de estar en contra da solución de Pontevedra á Zona de Baixas Emisións”, continuou. “O PP de Pontevedra tamén ten a pesada lousa de opoñerse a compra de Santa Clara e de opoñerse á rehabilitación dos edificios centrais do Museo da Praza da Leña“.

Tamén fixo unha advertencia “nada, absolutamente nada está gañado, todo está por gañar. Non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra, nin un!”.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, indicou que “é moito o que está en xogo”. Recordou que “Pontevedra miraba con envexa ás demais cidades e hoxe ten proxecto e modelo propio envexado en medio mundo”. Por iso entendeu que este domingo “está en xogo si se consolida e avanza este proxecto de calidade de vida pensado por e para persoas e que pon as persoas no centro; ou todos os demais que propoñen frear e reverter o modelo pensado nas persoas“.

Miguel Anxo Fernández Lores.
Ana Pontón.

Paixón por Pontevedra

Compartir: