XPO logo

Lores reivindica a necesidade de cumprir coa «demanda histórica» que é construír o vial de Mollavao

O candidato á alcaldía de Pontevedra polo BNG, xunto co deputado no Congreso polo BNG, Néstor Rego, indicaron a necesidade desta actuación para mellorar a calidade de vida da veciñanza

O candidato á alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de mércores, 24 de maio, acompañado do deputado polo BNG no Congreso, Néstor Rego, co fin de reivindicar unha «demanda histórica» da veciñanza de Pontevedra, da veciñanza de Mollavao máis concretamente, que é lograr unha mellor calidade urbana e de vida no nomeado barrio.

«Para acadar ese obxectivo, hai que poñer en marcha diversas actuacións. A primeira é reducir un carril de tráfico en Rosalía de Castro na súa saída cara Marín xa que é a única forma de mellorar os estándares de seguridade viaria nunha rúa que conta cun colexio público, o ambulatorio de especialidades… Para reducir ese carril de saída non queda máis remedio que facer un bypass e conectar a vella estrada de Marín coa autovía de entrada a cidade».

Este proxecto conta cun orzamento de seu, tal e como lembrou o líder do BNG en Pontevedra, que supera o millón de euros. «É un proxecto que está feito, hai un convenio coa Deputación para executalo, temos a autorización ambiental da Xunta, todos os informes xurídicos e urbanísticos para poder comezar, pero levamos máis de tres anos agardando polo informe favorábel de Costas», indicou Lores. «Hai non moito tempo sorprendéronnos cunha negativa que non está xustificada».

O candidato á alcaldía sinalou que ao respecto das infraestruturas de Pontevedra a administración central e a administración autonómica «por un lado vai lenta e por outro nin fai nin deixa facer», poñendo de exemplo a construción da circunvalación, que leva 8 anos en construción o seu primeiro tramo, restando dous tramos máis por iniciar, sendo «a única capital de provincia de Galiza que non conta cunha circunvalación libre de peaxe»; ademais doutras peticións históricas como a variante de Alba ou o dragado do río Lérez.

Lores explicou que o deputado Néstor Rego xa preguntou en varias ocasións pola cuestión de Mollavao en Madrid, ao igual que o compromiso do Estado en facer o paseo peonil cara Marín, do que fixeron «menos de medio paseo feito» e non está previsto continualo, xa que desapareceu dos orzamentos do Estado. «Queremos que cumpran, que cumpran cos veciños e as veciñas. Falamos dunha demanda histórica. Pontevedra medra e precisa actuacións. É a única entrada ou saída que non ten un tratamento digno», finalizou o actual rexedor da Boa Vila.

Pola súa banda, Néstor Rego indicou que «sempre é un pracer acompañar a Miguel Anxo Fernández Lores, máis aínda para falar de actuacións que son actuacións realmente importantes á hora de avanzar na mellora dos espazos urbanos, o que supón mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza de Pontevedra».

«Tempos que poñer en evidencia de que aquí é posíbel dar un impulso á recuperación destes espazos para a xente, como é o caso tamén da xunqueira de Ponte Sampaio, e que se atopan coa negativa do Goberno central cando iso non implica nin sequera financiamento, xa é un proxecto feito. Trátase dunha actuación de bloqueo a un proxecto moi desenvolvido. É incomprensíbel», indicou Rego. «Non se entende que, doutra banda, se anuncien proxectos novos que bloquean aqueles que xa están desenvolvidos. Coido que alén do compromiso do BNG no Congreso que é de seguir insistindo neste reclamo e que lle dean para adiante a estas actuacións, a posibilidade de que se siga avanzando na recuperación destes espazos pasa por contar cun goberno do BNG en Pontevedra nos vindeiros anos».

Miguel Anxo Fernández Lores e Néstor Rego.

Paixón por Pontevedra

Compartir: