LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

• Atender prioritariamente ás persoas con máis necesidades e dificuldades de mobilidade. No concreto comprometémonos a adaptar os semáforos para as persoas cegas e a colaborar coas entidades representativas para garantir unha accesibilidade realmente universal no espazo público. • Prestar especial atención ás zonas de maior atracción de persoas para garantir a mobilidade peonil neses ámbitos, especialmente nos xa citados centros escolares, deportivos, sanitarios e administrativos e tamén nas paradas do transporte público colectivo e dos taxis. 3.B. COHESIÓN E PARTICIPACIÓN SOCIAIS Tomar a medida dun grupo social, quer unha comunidade pequena (un centro de ensino, unha entidade social . . .) quer a veciñanza dunha cidade, quer unha nación, pode facerse, como se estivesemos nun laboratorio, con métodos estatísticos sistematizados ou pode abordarse dende o coñecemento profunfo que proporciona a vivencia continuada, o trato coas persoas coas que convivimos, o coidado que procuramos e outorgamos á nosa rede social. Dende aí vemos xurdir unha Pontevedra que se caracteriza, xa ben entrado o século XXI, polo seu orgullo de pertenza a unha comunidade que se sabe entre a vangarda das cidades do mundo pero que non se conforma, senón que amosa un grao moi elevado de esixencia cando ten que definir os estándares de calidade nos que quere desenvolverse. E isto vale tanto para os servizos que demanda das administracións, como para a calidade do espazo público, por describila con dous exemplos. Precisamente é esta característica a que lle permite á sociedade pontevedresa fixarse metas e obxectivos que outras sociedades non dán siquera albiscado ou supoñen inalcanzábeis. O proceso de transformación urbana sería por suposto impensábel sen a participación da veciñanza, mais outros proxectos que se fixou a sociedade pontevedresa e son hoxe referentes responden a ese mesmo carácter. A Feira Franca, o Salón do Libro, a RedeAxuda, a residencia para persoas con parálise cerebral, a rede autoxestionada de centros sociais, a Pasarela Debut, o festival dos Novos Cinemas, sermos a capital mundial do triatlon e un longo etcétera fálannos dunha sociedade ambiciosa, dinámica, botada para adiante e que non ve, agora mesmo, os límites que pode ter na súa mellora.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=