LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

Nos anos que temos por diante, goberno do BNG comprométese a traballar cóbado con cóbado coa sociedade organizada e a estar á altura das metas que Pontevedra se fixa. Para isto sabemos que hai que mellorar os procesos democráticos de participación social. A pandemia supuxo un retroceso nos procesos de participación social que definen os gobernos do BNG e imponse un proceso de reflexión para repensar e recrear as formas de facer política, romper coas rutinas, multiplicar as canles de relación entre os gobernos e a cidadanía, abrir novas vías de participación social e de implicación da sociedade nos asuntos públicos. En definitiva, un proceso que nos leve á procura de novas formas de participación que primen a conciencia colectiva e o interese común. O BNG é consciente, porque está no seu ADN, de que estamos diante dunha arela colectiva que pode permitirnos superar as eivas da democracia representativa que por unha banda alonxa ás cidadás e cidadáns da toma de decisións e, pola outra, ás persoas representantes políticas da imprescindíbel dación de contas e asunción de responsabilidades diente da veciñanza. En Pontevedra temos fomentado ao máximo posíbel a participación social na toma de decisións a través dos Consellos Parroquiais, de Barrio e Sectoriais, mediante asembleas veciñais e, por suposto, coa rede de centros sociais e instalacións deportivas autoxestionadas. Mesmo en tempos de pandemia, buscáronse novas vías de participación con asembleas e consellos telemáticos. Nestes tempos de post-pandemia, multiplícanse as iniciativas do BNG no goberno para buscar novas vías de participación (proposta de reforma da rúa Altamira), da veciñanza para asumir responsabilidades (a xestión do pavillón de Monte Porreiro polas ANPA´s e o C.F.) e novas formas colaborativas de abordar proxectos (o novo local da asociación Gaming Troop). Todas elas, experiencias que son un punto de partida moi firme dende o que avanzar e aprofundar nos procesos participativos de toma de decisións por parte da cidadanía, un proceso para, en definitiva, aprofundar na democracia. En consonancia co antedito, o goberno do BNG asume como unha das liñas centrais o compromiso de incrementar os esforzos na participación tanto no nivel sectorial como no territorial.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=