LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

3.C. A BIENAL DA CREACIÓN E DO DESEÑO CONTEMPORÁNEO Pontevedra ten ben fincados no chan os piares que a convirten nunha cidade de referencia na vangarda do deseño urbano e a creatividade por historia, por tecido empresarial, por universidade, polos grandes talentos individuais cos que contamos e pola experiencia en organización exitosa de grandes eventos. Dende a fundación do Café Moderno e a visita de Lorca até o Showroom Ambience, que se vai desenvolver no ano 2024, conseguimos colocar este pequeno concello no foco de atención de deseñadores, urbanistas, arquitectas e un sinnúmero de profesionais e organizacións que miran cara a nós para aprenderen. Boa proba disto foron a recente Place Making Week e as visitas de axencias de deseño urbano francesas e suízas. Pontevedra non pode permitirse o luxo de dar pasos cara atrás neste ámbito que só pode supoñer oportunidades para as persoas emprendedoras e as empresas, atracción de visitantes e, por suposto, coñecemento e experiencia para avanzar. Para que Pontevedra dea un salto cara adiante na vangarda o goberno do BNG porá en marcha a Bienal da Creación e o Deseño Contemporáneo, para o que se propoñen como liñas de actuación: • Creación dun grupo multidisciplinar local encabezado e coordenado por Lola Dopico e Teresa Táboas para coordenar todos os traballos. • Elaborar un proxecto transversal que vaia dende a cidade ao rural, dende a empresa ao autónomo, dende a historia á innovación, dende o privado até o público. • Convidar grandes artistas, creadores/as, pensadores/as, investigadores/as de talla mundial, pero tamén as nosas xentes e poñelos en relación con experiencias locais terán un especial protagonismo pola súa singularidade e polo seu éxito. • Desenvolver unha programación ampla en canto a espazos (o Pazo, o teatro, o Museo, salas de exposicións, as rúas e prazas, os locais sociais da cidade e do rural) e actividades (conferencias, charlas, debates, exposicións, residencias artísticas e creativas, espazos de investigación…). • Prestar especial atención aos retornos que poida producir a programación da Bienal de visitantes, como dinamizadora da actividade económica local e obtendo experiencias que nos sirvan para aplicar no noso día a día de cidade.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=