LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

5.D. PROMOCIÓN ECONÓMICA E COMERCIO Para abordar calquera cuestión de índole económica desde o local, debemos facelo primeiro tendo en conta que é difícil adoptar medidas nun ámbito tan dependente do desenvolvemento económico do resto do país e da situación global; e sobre todo, partindo das nulas competencias que teñen os Concellos en economía (tanto promoción económica como emprego son competencias exclusivas da Xunta de Galiza), onde temos que adaptarnos a un marco normativo adverso que limita a capacidade de actuación dunha administración local, e por ende tamén, os resultados acadados. Pero isto nunca nos freou, e aínda así, fomos quen de crear o caldo de cultivo para que aflorase un entorno de economía sustentable propia, xeradora de emprego de calidade e do dinamismo social e cultural que tanto caracteriza Pontevedra na actualidade. Así podemos ver que a situación socio-laboral do concello goza de boa saúde, sobre todo en termos relativos con respecto ao resto de Concellos e cidades da contorna. Tras os datos obxectivos aportados polo estudo feito polo grupo de traballo de Desenvolvemento estratéxico, organización e territorio da Universidade de Vigo, Pontevedra preséntase como foco xerador de emprego creando neste momento máis de 50.000 postos de traballo para unha poboación de alta no réxime xeral de menos de 31.000, dun total de pouco máis de 83.000 habitantes. É evidente que a maneira de concibir a política municipal destes últimos 24 anos e o modelo de cidade consolidado en Pontevedra, foron fundamentais para o crecemento económico e para xerar sinerxias conducentes a crear riqueza, fomentar o emprendemento, facilitar o traballo creativo, provocar a chegada e asentamento de xente nova... O camiño polo tanto está trazado e nel debemos avanzar. Para abordar a promoción económica local debemos partir dunha diagnose certeira para establecer unha planificación estratéxica que determine os obxectivos e as liñas de actuación que é necesario acometer. Para isto a metodoloxía que se debe seguir nas actuacións debe ser forzosamente participativa. Debe darse unha implicación real de todos os axentes económicos e sociais xa que estes desempeñan unha función esencial, tanto na mobilización da sociedade como na intermediación e aplicación das políticas de desenvolvemento local.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=