LORES, PAIXÓN X PONTEVEDRA

A referencialidade da cidade non é só a mellor das campañas de promoción urbana que puidemos soñar. Tamén é unha importante fonte de retorno económico ou un escaparate de luxo para as nosas empresas que fan da cidade o mellor dos laboratorios de onde saen os produtos que compiten e gañan a nivel mundial (mobiliario urbano, deseño téxtil, artes escénicas...) A área de Promoción da cidade existe precisamente para explotar aínda máis esta vertente. Desde ela fixemos a primeira misión comercial a México ou organizamos a maior conferencia de persoas expertas en urbanismo, a Place making Europe week. A función desta área é aproveitar o potencial da transformación urbana na cidade e deseñar actividades que teñan Pontevedra como epicentro dun modelo real e comprobable de cambio radical, xa que Pontevedra é unha oportunidade. Queremos seguir traballando e asegurar un futuro no que Pontevedra sexa, máis ca nunca, unha das referencias cando se fala de espazo público, de ecoloxía urbana ou de calidade de vida. Por este motivo o BNG comprométese a seguir apostando pola extensión do efecto do modelo de cidade como impulso para a internacionalización económica. Pontevedra demostra que nunha sociedade tan globalizada podemos traballar desde o local mirando tamén para a internacionalización do produto dende a propia cidade. Entre as liñas de traballo nas que o BNG seguirá traballando, salientamos: • A organización de misións comerciais. O modelo de cidade abre portas, pero este tipo de estratexias tamén reforzan o noso posicionamento no mundo e permiten ao tecido empresarial e comercial de Pontevedra establecer relacións frutíferas a nivel internacional da man do Concello e do modelo urbano. • Promover espazos de reflexión como é o caso de Urbtopías, que á súa vez cumpre a función de captación de prescritores e prescritoras, aproveitando a referencialidade da nosa cidade para coñecer tamén outras experiencias que redunden na mellora da calidade de vida da veciñanza e na construción da cidade do futuro. • Impulso da Cátedra do espazo público en colaboración coa Universidade de arquitectura de Galiza, co obxectivo de promover proxectos e estudos de mellora da calidade do espazo público de Pontevedra, co compromiso nidio de camiñar cara a un desenvolvemento sustentábel e a mellora do entorno socio-económico, establecendo medidas innovadoras que afonden na calidade de vida das persoas.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=